A xestión do salvamento e socorrismo das praias de Sanxenxo irá a concurso público
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo profesionalizará o servizo de salvamento e socorrismo delegando a xestión a unha empresa especializada. A adxudicación deste servizo terá unha duración de dous anos, ampliable a dous máis, e por un importe anual que roldará os 600.000 euros, con IVE engadido.
O motivo, segundo o goberno local, é o aumento do servizo nas praias, pasando de 10 a 17 bandeiras azuis en só tres anos, e o incremento da calidade do servizo coa mellora do equipamento dos principais areais, novos módulos con máis tecnoloxía sanitaria, desfibriladores ou equipos de osixenoterapia.
Desta forma, trasladarán a unha empresa que acredite a experiencia e o coñecemento para xestionar o servizo, da mesma forma que están a facer en cidades como Vigo e A Coruña en Galicia, e en cidades do resto de España onde está máis xeneralizado.
Estas condicións contemplarán un horario de 12:00 a 20:00 horas do 15 de xuño ao 15 de setembro nas praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo; e do 1 de xullo ao 31 de agosto en Agra, Panadeira, Baltar, Caneliñas, Paxariñas, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora de A Lanzada, Area Gorda, A Lapa e A Lanzada.
Segundo informou o Concello, ademais dos socorristas acuáticos e o persoal de primeiros auxilios que terá cada praia, o servizo contará cun responsable xeral, dous coordinadores e un operador de comunicacións.
Para o servizo requiren 80 persoas entre socorristas e persoal de primeiros auxilios e axustaranse ao convenio colectivo vixente.
A empresa adxudicataria terá que achegar o material sanitario de primeiros auxilios, pomadas ou vendas; unha completa vestimenta dos socorristas e material de protección; un vehículo de intervención con desfibrilador, equipo de osixenoterapia ou unha bala de osíxeno medicinal; e, por último, unha motocicleta de como mínimo 125 centímetros cúbicos.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras culpa ao "afán privatizador" de Telmo Martín da ausencia de socorristas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo, sen socorristas na data anunciada por un erro na licitación do servizo
Por Redacción |
-
Oitenta persoas integrarán este verán o servizo de salvamento de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O servizo de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios estará activo entre xuño e setembro
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo prepara xa un "verán seguro" coa previsión de ter máis visitantes que no 2020
Por Redacción |
-
Sanxenxo gastou preto dun millón de euros nas praias durante a tempada alta
Por Oskar Viéitez |
-
Os socorristas realizaron case 3.000 intervencións durante o mes de agosto nos areais de Sanxenxo
Por Redacción |