Un xulgado pontevedrés leva á Fiscalía e ao Tribunal de Contas a política de contratación do Concello de Porriño
Por Natalia Puga
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra decidiu poñer coto á forma de actuar do Concello de Porriño en relación coas contratacións de obras, pois detectou que hai unha "elevadísima litixiosidade" nesta administración local nos xulgados contenciosos pontevedreses sobre reclamacións de provedores que piden ser indemnizados sobre prestación de servizos sen contrato algún.
A sala pontevedresa explica que "non vai ser cómplice" desas prácticas, de modo que emitirá senllos testemuños para que o Tribunal de Contas e tamén a vía penal investiguen esta forma de proceder do Concello, "esixindo as correspondentes responsabilidades e provocar o seu cesamento".
O obxectivo é fiscalizar a forma de traballar da administración e, para que esta tarefa sexa "realmente acertada e eficaz", o xulgado aspira a que se investigue o proceder do Concello no seu conxunto. "O grave do Concello de Porriño non é que nunha ocasión puntual actuara dese xeito, senón que o fixo con carácter sistemático e xeneralizado", sostén o maxistrado titular do xulgado, Francisco de Cominges, que explica que actuou así en boa parte dos servizos adxudicados a terceiros "durante un prolongado período de tempo".
A decisión xudicial adóptase no marco dunha sentenza na que o xulgado analiza un caso concreto, unha reclamación dunha empresa que levou ao Concello á vía contencioso-administrativa pola falta de pagamento de catro facturas do ano 2017 por valor total de 85.668 euros por servizos de limpeza e roza de viais realizados sen contrato.
O xuíz desestima a reclamación da empresa e, na mesma sentenza, notificada esta mesma semana, remite testemuño da mesma e da demanda á Fiscalía e ao Tribunal de Contas.
O documento xudicial sostén que esa "elevadísima litixiosidade" de Porriño pon en evidencia que "presumiblemente durante un período prolongado de tempo" o Concello actuou "á marxe do Dereito" en materia de contratación e que obrou así con contratos cuxas contías no seu conxunto son "moi elevadas".
O Concello actuaba, segundo o xuíz, "nunha atmosfera de impunidade". Ademais, o maxistrado sostén que dá a impresión, polo menos de forma indiciaria, de que algunha autoridade ou funcionario do Concello encargou servizos masivamente de maneira verbal, directa e encuberta (sen a menor publicidade) a suxeitos privilexiados". Esta persoa presuntamente vulneraría " manifestamente a legalidade vixente".
Segundo o xuíz, eses servizos contrataríanse "coa idea de que logo se remunerasen ben mediante o método extraordinario e excepcional do recoñecemento extraxudicial de créditos", ben mediante reclamacións xudiciais que xeralmente se estiman. Neste último caso, supón un "prexuízo adicional" para o Concello, pois engaden ás facturas impagadas intereses e costas.
En relación co preito en particular que dá lugar a esta resolución, o xuíz sostén que o Concello debeu abrir "como mínimo" unha investigación interna para depurar responsabilidades fronte á autoridade ou funcionario que promoveu estes servizos de limpeza de viais e evitar, desta forma, que estas prácticas continuasen. Ao non facelo, decidiu optar por poñer os feitos en mans da Fiscalía e o Tribunal de Contas.
O xuíz toma esta determinación, segundo explica, porque considera que o sucedido "é moi grave" e "intolerable para unha administración pública" por varios motivos, entre eles, porque é unha actuación administrativa "consciente e groseramente ilegal", supón un "prexuízo notorio ao interese público" e afecta aos os principios de libre competencia.