Caldas destinará 60.000 euros, o 1% do seu orzamento, a axudar aos hostaleiros
Por Redacción
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, anunciou este sábado o compromiso do goberno municipal para destinar o 1% do seu orzamento, uns 60.000 euros, a medidas de apoio e reactivación ao sector da hostalaría, un dos máis afectados pola crise da pandemia.
Quixo mostrar deste xeito o seu apoio á proposta da Deputación de Pontevedra e da Fegamp para que todas as administracións destinen esta cantidade dos seus orzamentos a un plan coordinado de rescate.
Os servizos municipais de Intervención e Secretaría comezarán a estudar a ferramenta máis acaída para poder coordinar a distribución da axuda.
Ademais, o goberno municipal manterá diversos contactos co sector para atopar a fórmula máis adecuada e consensuada de ofrecer apoio económico municipal aos sectores e empresas afectadas pola crise.
Juan Manuel Rey lamentou que a Xunta de Galicia non quixese chegar a un acordo coas deputacións e coa Fegamp, o que ao seu xuízo "volve demostrar a falta de confianza e de cooperación que veñen amosando dende o comezo da crise coas administracións locais".
O alcalde asegura que a "intransixencia" da Xunta ante a proposta para que os concellos aporten parte dos fondos e xestionen as axudas fai que se perdese a oportunidade de articular un verdadeiro plan coordinado de rescate para a hostalaría de Galicia.
"A Xunta, sempre máis pendente de intereses partidistas que dos cidadáns, non quere ceder fondos nin xestión aos concellos e iso é un enorme erro porque somos a administración máis próxima e áxil para defender a nosa veciñanza e os sectores nesta crise", sinalou o rexedor.
Relacionadas:
-
Caldas amplía ata os 100.000 euros as axudas directas aos seus hostaleiros
Por Redacción |
-
Non haberá "portelo único" para as ayudas do plan de rescate á hostalería
Por Redacción |
-
A navalla de Ockham e a polémica sobre o plan de rescate da hostalería
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra insiste na "man tendida" para un acordo nas axudas á hostalería e o turismo
Por Oskar Viéitez |