A retirada de vehículos abandonados nas rúas de Pontevedra esténdese ás bicicletas
Por Redacción
Ata cinco bicicletas abandonadas na rúa Joaquín Costa serán retiradas nos próximos días. Esta medida forma parte da ofensiva municipal para sacar da vía pública vehículos que foran abandonados polos seus propietarios.
As bicicletas están estacionadas desde hai tempo no aparcamento situado diante do colexio Álvarez Limeses, segundo informa o goberno municipal de Pontevedra.
En concreto, trátase dunha bici marca Monty de cor branca, unha Atak azul, unha America Bike vermella e outras dúas sen marca coñecida de cores azul con adhesivos e verde, vermella e branca, respectivamente.
O edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que as bicicletas teñen un número de serie que as identifica, habitualmente nos pedais, pero non hai un rexistro oficial que informe do propietario dese número nin documentos de propiedade de ningún tipo.
"Resulta case imposible localizar aos seus donos para que as retiren ou averiguar por que foron abandonadas", sinala o concelleiro socialista.
Non obstante, no expediente municipal faise constar que "resultando descoñecidos os titulares das bicicletas referenciadas e non sendo posible practicar as notificacións" serán retiradas da rúa ante os seus "claros síntomas" de abandono.
Os propietarios deberán comparecer nun prazo de 15 días hábiles, contados dende o seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Estado, a efectos de practicarlles a notificación do acto de obtención do certificado de destrución emitido por un centro autorizado de tratamento.
Iván Puentes sinala que isto "non é un caso illado" en Pontevedra. Xa se teñen detectado con anterioridade comportamentos semellantes noutros aparcabicis da cidade, como no existente nas inmediacións da estación de autobuses.
O edil cita motivos "diversos" para explicar este fenómeno. Asegura que o habitual é que a bicicleta se estragara "e resulta máis cómodo que levala ao punto limpo ou chamar para que a recollan", pero tamén poden ser roubadas co obxectivo de revendelas e, ao non conseguilo, "optan por abandonalas de xeito anónimo" para non seren identificados en caso de denuncia.
Ao igual que acontece cos coches, o máis complexo desta ofensiva municipal está na "tediosa" tramitación administrativa de identificación e notificación aos propietarios, neste caso coa complicación engadida de non dispoñer dunha matrícula asociada a un propietario e de ter que botar man do BOE para publicitar o anuncio.
Ademais destas cinco bicicletas, no mesmo expediente infórmase da retirada dun coche de marca Ford Mondeo en estado de abandono á altura do número 18 da rúa Martín Códax.
Relacionadas:
-
Malestar pola inseguridade que provoca a acumulación de coches abandonados en Tafisa
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Un turismo domiciliado en Angoulême, entre os 47 vehículos expedientados para a súa retirada das rúas da cidade
Por Redacción |
-
Abertos 22 expedientes de coches abandonados en Pontevedra no que vai de ano
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
O Concello retoma a súa cruzada contra os coches abandonados na vía pública
Por Redacción |
-
Retirados quince coches abandonados nas rúas da capital nas últimas semanas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello prepárase para retirar 37 vehículos abandonados, unha Vespino e dúas bicis
Por Redacción |