Cinco anos de prisión por drogar ao seu fillo de 13 anos e tentar matalo cunha bombona de butano
Por Natalia Puga
Levou ao seu fillo de 13 anos a unha habitación de hotel, deulle anfetaminas e benzodiacepinas para durmilo e abriu unha bombona de butano que levou da casa. A súa intención era acabar coa súa vida e coa do seu fillo, pero o obxectivo truncouse porque enviou mensaxes de despedida e, ao recibilos, os seus familiares e a Garda Civil dirixíronse ao hotel.
Os feitos acaba de declaralos probados a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra e, por eles, unha muller acaba de ser condenada a cinco anos e tres meses de prisión como autora dun delito de asasinato en grao de tentativa coa agravante de parentesco.
A sentenza condenatoria ditouse coa propia conformidade da acusada e inclúe a prohibición do dereito para exercer a patria potestade durante eses cinco anos e tres meses e o pago dunha indemnización de 800 euros ao seu fillo.
Todo ocorreu sobre as 22.30 horas do 27 de xuño de 2018 nun hotel situado na estrada N-550 en Vilaboa e resolveuse en novembro de 2020, aínda que ata esta semana non transcendeu. A sentenza xudicial xa é firme e non cabe recurso.
O relato de feitos probados, que a propia muller recoñeceu, detalla que, cando estaban na habitación, deulle ao seu fillo anfetaminas, que el xa tiña diagnosticadas por un trastorno TDH, e benzodiacepinas co obxectivo de que durmise "máis rapidamente".
Cando quedou durmido, executou un plan que "pensara detalladamente" coa "clara intención" de terminar coa vida de ambos e colgou carteis que ela mesma elaborara e que dicían "Peligro. Entren con mascarillas. Abrí una bombona de butano".
A continuación, e tal como ela recoñeceu, abriu o gas da bombona de butano, que ela mesma levara ata a habitación do hotel. Despois, enviou varias mensaxes de despedida aos seus familiares. Foi a recepción desas mensaxes e o traslado deses familiares e da Garda Civil ao hotel, o que impediu "o resultado fatal buscado pola procesada".
O seu fillo chegou a sufrir danos, pero escaso alcance, unha leve intoxicación de gas butano (monóxido de carbono) e submisión química a benzodiacepinas e anfetaminas, que obrigaron a que fose sometido a osixenoterapia. Non lle quedaron secuelas.