Vilaboa busca voluntariado para reforzar a súa agrupación de protección civil
O Concello quere reorganizar unha entidade con moita forza no municipio e que inspira na cidadanía seguridade e protección, buscando persoas dispostas a facer voluntariado para reforzar a súa agrupación de Protección Civil, unha entidade cun profundo arraigo no municipio pero con escasa dotación de persoal nos últimos anos.
O Concello anima a todos os habitantes de Vilaboa, independientemente da idade ou xénero, a participar nunha agrupación altruista que colabora na prevención e seguridade dos actos públicos e eventos de todo tipo, e que presta colaboración ante emerxencias, accidentes e incidencias diversas, inspirando na cidadanía unha sensación de seguridade e protección.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, recoñece que nas últimas semanas o Concello botou en falta un maior volume de voluntariado que atendera con rapidez ás numerosas incidencias en viais públicos provocados polas intensas e constantes chuvias, e as consecuentes caídas de árbores e inundacións en propiedades particulares.
Vilaboa conta cunha importante dotación material para a atención destas pequenas incidencias: dous coches, unha motobomba, unha cisterna de desinfección e un remolque, aínda que falta persoal; sobre todo nestes momentos nos que a cidadanía precisa que os parques, viais e zonas comúns sexan desinfectadas periódicamente.
O Concello de Vilaboa recurre con frecuencia á Protección Civil de Soutomaior para actuacións determinadas, aínda que o ideal sería ter unha agrupación propia forte e ben organizada. Aínda que non sexa a primeira vez que se intente animar aos cidadáns a colaborar, César Poza confía en que a crise sanitaria actual contribúa a espertar a conciencia solidaria e facilite a incorporación de voluntarios.
Ademais, lanza unha mensaxe directa ás mozas de Vilaboa. "Non contamos con moita presenza feminina na agrupación de Vilaboa e desde o Concello estariamos encantados de que os avances en igualdade se noten tamén neste eido", dixo.
Para formar parte do voluntariado pódese contactar ao Concello por medio de dúas formas; ben ao correo electrónico info@vilaboa.org ou por medio do teléfono 986 289 087.