A Xunta aproba a mellora de diversos camiños en Cerdedo-Cotobade, Moraña, Cuntis e Bueu
Por Redacción
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou este mércores, nunha reunión telemática, que a Consellería do Medio Rural vén de aprobar seis Plans de Infraestruturas Rurais (PIR) para as bisbarras de Pontevedra, Caldas e O Morrazo cun investimento de 238.451 euros.
Estas actuacións, orientadas ao acondicionamento de espazos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos propios do campo, acaban de ser adxudicadas, segundo lles trasladou a representante autonómica aos alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Moraña, Cuntis e Bueu, co obxectivo de que poidan executarse proximamente tan pronto como se cumprimenten os trámites administrativos do contrato e mellore a climatoloxía.
Os proxectos aprobados consisten na mellora de accesos ao lugar de Areses (Vilanova), no Concello de Cerdedo-Cotobade (41.286 euros); a pavimentación de camiños no núcleo rural de Rebón de Arriba, en Moraña (39.968 euros); o acondicionamento do camiño entre Couselo e a estrada N-640, no municipio de Cuntis (41.971 euros); e o reforzo do firme nos viais locais de Sabarigo, no municipio de Bueu (41.922 euros).
Estas actuacións compleméntanse coas recollidas recentemente no Plan Marco, orientado tamén a obras de similares características e que incluiu unha quincena de proxectos noutros tantos municipios cun investimento global de 523.038.
Entre as mesmas figuraban as melloras viarias en Ermelo, no Concello de Bueu; os accesos a parcelas agrícolas en diversos puntos de Cerdedo-Cotobade, ou o acondicionamento da pista de Agriños, en Moraña, entre outros concellos beneficiarios.
En total, o departamento autonómico destina, entre ambos plans, máis de 760.000 euros nestas bisbarras para as infraestruturas rurais.
A delegada, acompañada polo xefe territorial, Antonio Crespo, explicoulles aos alcaldes tanto a concesión das súas respectivas solicitudes do PIR como o proceso administrativo en marcha que desembocará na execución dos traballos e puxo en valor este plan "para complementar outros programas e iniciativas da Consellería do Medio Rural, e incluso doutros departamentos, orientados a seguir mellorando as infraestruturas, a conectividade e, en definitiva, a calidade de vida dos galegos que viven fóra dos núcleos urbanos e que, en moitos casos, se adican ao sector primario".