Café e bolo gratis para quen o necesite: "Na hostalería estamos mal, pero hai xente que está peor e non ten nin para un café"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Luís López pertence a un dos sectores máis golpeado polas restricións, o da hostalería. Non dubida en afirmar que se trata dunha actividade económica "ao bordo da ruína", pero é consciente da realidade doutra parte da poboación que se está vendo tan sacudida pola crise económica derivada da pandemia que non ten nin para alimentarse. Consecuente con esta percepción, decidiu achegar o seu "gran de area" para mellorar a situación e desde este mércores reparte café e bolo gratis para quen o necesite.
A iniciativa ten a súa orixe nunha conversación coa súa parella vendo as noticias, pois pareceulle "desalentador" ver que na hostalería "estamos mal", pero "hai xente que, por desgraza está peor e non ten nin para tomar un café". Decidiu que entre o mércores 3 e o venres 5, repartirán cafés solidarios para "todo aquel que o necesite, que por desgraza non poida nin pagarse un café quente nestes días".
Toda persoa que se atope nesa situación pode achegarse polo seu local, Hama Bar, en Marqués de Aranda de Pontevedra. Non terá que dicir nada, pois tan só con acudir en horario de 9.00 a 12.00 horas de mañá, daranlle un café nun vaso refugable e un bolo. De momento, na primeira xornada da iniciativa, non se achegou ningún cliente, pero Luís móstrase convencido de que, en canto se de a coñecer este xesto solidario, si terá repercusión.
Durante estes días, os únicos cafés que se servirán en Hama serán estes de corte solidarios pois permanecerán pechados para a atención ao público en xeral. Ata o de agora, nos anteriores períodos de peche da hostalería, este local si abría as súas portas para servir produtos para levar, "nunca puxemos escusa para non abrir polas restricións", pero desde que hai unha semana pechou a hostalería, decidiron non abrir e dar vacacións ao persoal, para "airear un pouco a cabeza, que a saúde mental é moi importante para saír disto ben".
Si acoden tres horas ao día para abrir o local para esta iniciativa solidaria e, no caso de que teña boa acollida, farán o mesmo ata o 17 de febreiro, día en que se revisarán as restricións actuais. O día 18 abrirán ao público, "se nos deixan", aínda que recoñece que "temos as nosas dúbidas de que poida ser así".
Luís López recalca o ánimo solidario da súa iniciativa, "sen ánimo lucrativo e sen ánimo de publicitarnos" e agradece a súa colaboración a algún provedor que lle deu de forma gratuíta café e vasos refugables para contribuír co seu xesto. Ademais, xa avanza que, se ven que a xente non se achega ata o seu local de Marqués de Aranda, "tampouco dubidamos en facer os cafés e repartir por aí"
"O tema é que a xente saiba que se o necesita, pode vir", asegura, e engade que, antes de repartir eses cafés na rúa, pedirá autorización, pois descoñece se podería facelo. Ademais, trátase dunha medida que aínda ten que estudar como facelo, pois tampouco lle gustaría que algún compañeiro hostaleiro "poida sentirse atacado por regalar algo que el está a cobrar".
Respecto diso, insiste en lembrar á poboación pontevedresa que aquelas persoas que poidan pagar o café consúmao nalgún dos locais que serven para levar estes días. Tan só o que realmente non pode debería acudir ao seu local.