A rede de saneamento chega ao lugar de Ducío, na parroquia cuntiense de Arcos
Por Oskar Viéitez
A veciñanza do lugar de Ducío, na parroquia cuntiense de Arcos, está a ver como se executa unha nova rede de saneamento grazas a unha achega de 152.600 euros do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, visitou este mércores esta zona acompañado dos deputados provinciais Gregorio Agís e Manuel González e a primeira tenente de alcalde Conchi Campos.
Gregorio Agís quixo poñer no foco a importancia que este tipo de actuacións ten tanto na calidade de vida dos veciños do rural así como no medio ambiente. Tal e como matizou o deputado provincial "enterrar tubos son sempre obras que se ven pouco e que, ademais, teñen elevados custos, pero dan un servizo fundamental como é o saneamento".
Por iso, engadiu, é importante que tanto a Deputación como outras institucións colaboren na mellora dun servizo "que é crucial para asentar poboación no rural". Para Agís "é urxente que Augas de Galicia comece a implicarse neste tipo de obras fundamentais para a veciñanza e tamén para o medio ambiente".
Pola súa banda, o alcalde de Cuntis apuntou que o concello ten máis do 70% do seu territorio saneado e que hoxe en día está a facer obras de mellora neste aspecto. Lembrou que mantén o compromiso de completalo durante este mandato, para o que estase a facer un gran esforzo e mesmo se está intentando concorrer a convocatorias de fondos estatais e europeos.
Campos foi crítico ao lembrar que a Xunta cobra a toda a veciñanza o canon de saneamento, e, sen embargo, o investimento de Augas de Galicia en Cuntis é "de cero euros", ata o punto de que, "todas as obras de saneamento se fixeron con cartos da Deputación e de fondos propios do concello".
"É triste que teñamos que concorrer a convocatorias de institucións europeas ou estatais porque a nosa comunidade autónoma se desentende do tema e mesmo atrévese a dicir que non é da súa competencia", sinalou o alcalde, que engadiu que "todo o mundo sabe os problemas de contaminación que hai nas concas dos ríos Gallo e Umia e o problemón coa alga microcistina no encoro do Umia".
As obras de saneamento de Ducío consisten na execución de sete colectores enganchados coa rede de saneamento executada polo concello no 2018 no lugar da Casiña. Cando rematen as obras agora mesmo en execución, haberá un colector principal de case 1,1 quilómetros e seis ramais secundarios para conectar os diferentes núcleos de vivendas.
Estes sete colectores sumarán preto de 2,5 quilómetros de tubaxes de diferentes seccións que enlazarán toda a rede a unha depuradora de augas residuais con capacidade para albergar as augas das vivendas da Casiña e de Ducio.
Coas actuacións que se están a levar a cabo ofrécese servizo a 40 vivendas e a unha poboación estimada dunhas 160 persoas pero na súa execución non só se están a ter en conta o número de vivendas actuais senón que tamén se están a considerar as vivendas de próxima construción.
Relacionadas:
-
Aprobado un investimento de 43.000 euros para completar a rede de saneamento no lugar da Casiña en Cuntis
Por Redacción |
-
Mellora o saneamento en Cuntis coa eliminación da depuradora de A Louriña
Por Redacción |
-
Investiranse 1.600.000 euros en novas obras de saneamento en Cuntis
Por Redacción |
-
Eliminado un punto de vertido de augas residuais en Cuntis
Por Redacción |
-
Eliminan un punto de vertido de augas residuais en Hervés, Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis licita as obras de saneamento en Portela e Ducío
Por Redacción |