O TSXG confirma a sentenza que declarou ilegal unha parte da obra da autovía do Morrazo
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de declarar firme unha sentenza pola que se consderaba que a Xunta de Galicia apropiouse por "vía de feito" dun terreo de 15.376 metros cadrados situado no lugar de O Reibón, na parroquia moañesa de Meira, durante as obras de conversión en autovía do antigo Corredor do Morrazo, unha vía inaugurada en 2019. Por tanto, esa parte das obras para a nova vía declarábase ilegal.
A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG revisou o recurso de apelación presentado pola Axencia Galega de Infraestruturas contra a sentenza ditada en febreiro polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra e xa en novembro ditou unha sentenza desestimando o recurso. Agora, finalmente, é firme e xa non hai posibilidade de novo recurso.
Esta nova sentenza confirma, por tanto, que a Xunta de Galicia de Galicia deberá repoñer á súa situación orixinaria ese terreo de 15.376 metros cadrados, restaurándolle o seu potencial forestal, con terra vexetal e reforestación.
Esta medida implicaría eliminar os recheos e vertedoiros depositados sobre esa leira para poder desdobrar a autovía, aínda que fontes xudiciais consultadas por este xornal sinalan que agora resultará complicado que esta sentenza chegue a executarse.
A sentenza agora confirmada tamén condena á Xunta a abonarlle 47.391,40 euros ao dono da leira ocupada pola talla de árbores.
A orixe desta causa xudicial é unha resolución do 6 de setembro de 2017 da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia pola que se modificaba a relación de bens afectados polo proxecto de trazado da obra e pasouse a ocupar ese terreo. Con esta sentenza, esa resolución declárase "nula de pleno dereito" e déixase sen efecto.
A sentenza inicial, asinada en febreiro de 2020 polo maxistrado Francisco de Cominges, atribuín á Xunta de Galicia unha "omisión total e absoluta do procedemento establecido" e tamén unha "desviación de poder", entendida como "o exercicio de potestades administrativas para fins distintos dos fixados polo ordenamento xurídico".
Así, o maxistrado baséase en que os peritos que interviñeron neste procedemento concluíron de maneira unánime que a apropiación pola Xunta de Galicia dos 15.376 metros cadrados de superficie de terreo "non tivo a súa causa real nunha hipotética modificación do trazado do vial, senón na conveniencia de liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra".
Esa leira que agora debe devolverse ao seu propietario converteuse de feito nunha entulleira de materiais. Fíxose, ademais, á marxe do proxecto da autovía formalmente aprobado, no que non se prevía tal actuación, e sen unha xustificación suficiente.
A sentenza do TSXG tacha de "insólito" a actuación da Xunta nesta leira durante as obras de conversión en autovía do Corredor.