Marín fai inventario da riqueza arqueolóxica que garda o Museo Torres
Por Redacción
O Concello de Marín pon en marcha unha campaña de inventariado e reorganización dos materiais arqueolóxicos existentes no almacén do Museo Manuel Torres.
A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, explica que esta acción servirá para coñecer "o noso patrimonio e a nosa historia". O obxectivo é clasificar con exactitude a procedencia do que se ten depositado no almacén para así ordenalo dun modo organizado para mellorar a súa conservación e facilitar unha eventual consulta por parte de investigadores ou estudosos da materia.
A empresa Anta da Moura, que será a responsable de levar a cabo este novo inventario, realizou xa unha primeira visita ao almacén "que lles serviu para solicitar datos do que alí temos chegando a identificar preto de 400 pezas", explica Rodríguez. En concreto, este museo garda 280 fragmentos cerámicos, 66 restos líticos, 17 anacos metálicos e alrdedor de 5 pezas orgánicas.
O seguinte paso será o de trasladar gran parte destas pezas ás instalacións da empresa para poder tratalas, dotalas da súa propia ficha, fotografalas e embalalas. As pezas máis grandes quedarán no almacén da galería marinense pero debidamente ordenadas e clasificadas.