Entrega dos Premios Sofía Novoa para traballos universitarios con perspectiva de xénero
Por Redacción
A entrega dos 'Premios Sofía Novoa Ortiz á Inclusión da Perspectiva de Xénero nos Traballos de Fin de Grao e Fin de Máster' convocados por quinto ano pola Deputación de Pontevedra poñía de manifesto o labor que a Universidade de Vigo vén desenvolvendo para incentivar a investigación con perspectiva de xénero no ámbito académico.
A sede viguesa da institución provincial acollía este mércores a cerimonia, cun formato reducido e coas intervencións dende os seus domicilios das catro gañadoras: Judit Cerviño Malvido, María Tenorio Solla e Patricia Torres Ferradás, na modalidade de Traballo Fin de Grao (TFG) e Andrea López Pastoriza, na de Traballo Fin de Máster (TFM).
O evento contou, ademais das premiadas, coa participación da presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, a profesora universitaria e membro do xurado Silvia Pérez Freire, as titoras e o titor das premiadas, as súas familias e Fernando Novoa, sobriño da musicóloga e pedagoga que dá nome aos premios. O acto contou con dúas intérpretes en lingua de signos e execución de varias pezas musicais por parte da pianista Estefanía Cereijo
"É unha alegría ver que as mulleres novas recollen a bandeira do feminismo cun traballo de coñecemento, análise e investigación", resaltou a presidenta da Deputación. "Estes traballos servirán para que moita xente poida velos, aprender e compartir. Axudan a avanzar cara unha sociedade plena, que é precisamente o que persigue o feminismo", explicou Carmela Silva.
Ademais, a presidenta da Deputación reivindicou a figura de Sofía Novoa Ortiz, "unha muller extraordinaria, culta e comprometida co tempo e o espazo que lle tocou vivir, que foi silenciada, e por iso estes premios levan o seu nome e estamos aquí para visibilizala a ela e a tantas e tantas mulleres inxustamente esquecidas ao longo da historia".
Pola súa banda, Silvia Pérez Freire sinalou que "premios como os Sofía Novoa son moi necesarios para naturalizar a perspectiva de xénero e posicionar ás mulleres no lugar que merecemos". A profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación considera prioritario "discernir os estereotipos e todo o que interfire gravemente para ter un trato igualitario".
EDUCACIÓN E #METOO
A educación con perspectiva de xénero nos niveis de infantil, primaria e secundaria, e a análise xornalística do movemento feminista #MeToo foron os protagonistas desta edición, á que concorreron 20 traballos.
Judit Cerviño (Bueu), graduada en Educación Infantil pola Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra, gañou un dos premios de 1.000 euros do apartado de TFG coa investigación "Traballar con perspectiva de xénero e publicidade en Educación Infantil", dirixida pola profesora Azucena Arias.
O traballo de María Tenorio (Bueu), graduada en Comunicación Audiovisual, tamén recibiu un premio de 1.000 euros. "Miradas cruzadas: unha visión comparada sobre o tratamento informativo da cuarta ola feminista trala irrupción do movemento #MeToo en España e Brasil: El País e Folha de Sao Paulo (2017-2018)", dirixido polo profesor Alberto Pena.
O accésit de 600 euros foi para Patricia Torres (Bueu), graduada en Educación Primaria, polo TFG "As saídas didácticas na Educación Primaria para o ensino das ciencias con enfoque coeducativo", titorizada por María Álvarez Lires.
Na modalidade de Traballos Fin de Máster o premio de 1.000 euros foi para Andrea López Pastoriza, veciña de Moaña e Educadora Social e Máster en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social. O traballo, dirixido pola profesora Fátima Braña, céntrase nos "Trazos de xénero na configuración da identidade e orientación do alumnado na Educación Secundaria Obrigatoria".
Relacionadas:
-
Cinco universitarias da provincia, galardoadas cos premios Sofía Novoa por integrar a perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
Ata o 15 de outubro permanece aberto o prazo para presentar traballos académicos aos Premios Sofía Novoa
Por Redacción |
-
Cen estudantes da Universidade de Vigo contarán con axudas directas da Deputación para formarse internacionalmente
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As mulleres representan máis da metade do persoal científico na Misión Biolóxica, no Centro Oceanográfico e no Instituto de Investigacións Mariñas
Por Oskar Viéitez |
-
Premian traballos sobre os estereotipos de xénero na publicidade, as mulleres do mar ou o movemento 'Me Too'
Por Redacción |
-
Os Premios Sofía Novoa distinguen o compromiso coa perspectiva de xénero de catro universitarias
Por Redacción |
-
Entrega de premios a seis estudantes da Universidade de Vigo por traballos con perspectiva de xénero
Por Redacción |