Vilaboa proxecta a renovación do pavillón do Toural e a pavimentación de varias estradas
Por Redacción
O Concello de Vilaboa proxecta neste ano dúas grandes obras nas que vai investir un total de 203.000 euros.
A primeira obra adxudicada é unha actuación na envolvente do pavillón polideportivo do Toural para resolver os problemas de humidades desta instalación deportiva e que está presupostada en 63.000 euros.
O pavillón polideportivo do Toural foi construído en 1993 e a pesar de ser obxecto de diferentes actuacións de mantemento acusa problemas de filtracións e humidades que dificultan un axeitado desenvolvemento da actividade deportiva.
A actuación que se comezará a acometer en breve inclúe a instalación dun tabique pluvial sobre a fachada sur da edificación principal, que acolle a pista deportiva e as bancadas, e que estará formada por placas de aceiro galvanizado sobre restreis metálicos.
A obra contempla tamén a retirada dos actuais canlóns de recollida de augas pluviais nas fachadas norte e sur para seren substituídos, ao igual que as baixantes. Reporanse chapas danadas na cuberta, limparanse todas as fachadas mediante a aplicación de auga a presión como paso previo á impermeabilización.
A segunda obra adxudicada polo grupo de goberno que lidera o alcalde César Poza destinará 140.000 euros para a pavimentación e mellora da seguridade vial en varias estradas nos lugares de Croas, Paredes e Uveiras. Trátase dunha actuación que non só mellorará a capa de rodadura das vías, senón que actualizará a sinalización horizontal reforzando o seu pintado e incluirá medidas de protección para os peóns.
Relacionadas:
-
Fin ás filtracións no pavillón polideportivo do Toural
Por Redacción |
-
Reorganizan as dependencias municipais de Vilaboa para mellorar a accesibilidade
Por Redacción |
-
Vilaboa reasfalta varias pistas nos lugares de Postemirón e Outeiro
Por Redacción |
-
Vilaboa investirá 243.000 euros en obras para mellorar os servizos antes de final de ano
Por Redacción |