Carmela Silva denuncia "caciquismo" na Xunta: "todos os anuncios son para investimentos nos concellos do PP"
Por Natalia Puga
"Todos os anuncios, todas as reunións que está facendo a Xunta de Galicia, comezando polo seu vicepresidente e continuado por todos os conselleiros e conselleiras, son para anunciar investimentos nos concellos do PP". Carmela Silva foi moi directa este venres para denunciar publicamente unha forma de actuar por parte da Administración autonómica que ven detectando nos municipios da provincia de Pontevedra. Segundo asegura, ten unha "forma caciquil e clientenar de gobernar".
A presidenta da Deputación de Pontevedra explicou durante a súa intervención para dar conta dos acordos da Xunta de Goberno provincial que quería facer esta denuncia porque considera que "xa é intolerable todo o que está a acontecer".
A responsable provincial (PSOE) centrou parte das súas críticas na delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que esta semana anunciou asfaltados en varios camiños municipais. Este venres anunciou en Lalín, Rodeiro e Dozón, todos eles gobernados polo PP, e previamente anunciara 9 actuacións, sete delas en municipios con alcalde ou alcaldesa 'popular'.
Ademais, bota en cara a Luisa Piñeiro que esta semana fixo "fotos coa oposición para anunciar cribados" para a detección da covid-19. Esta semana pasou en Forcarei, pero Carmela Silva asegura que "hai moitos máis" e considera que é "intolerable".
"Non hai dereito a estas cousas, non se pode funcionar así", critica Carmela Silva, para engadir que "o caciquismo e o clientelismo ten que ser erradicado da política".
A denuncia pública de Carmela Silva insiste en que a Xunta "soamente inviste moi maioritariamente nos concellos onde hai un alcalde ou unha alcaldesa 'popular'" e puxo como exemplo outro anuncio realizado esta semana en Mos. O conselleiro da Educación acudiu a este municipio pontevedrés gobernado polo PP para anunciar obras en colexios e a presidenta provincial apoia que se melloren eses centros educativos, pero pregunta se tamén se van mellorar os de Cuntis, Vilagarcía, Pontevedra, Redondela, Vigo, A Illa Silleda ou Forcarei, con gobernos de esquerda.
Ao mesmo tempo que fai esta denuncia, Carmela Silva asegura que a Deputación de Pontevedra que goberna o bipartito PSOE-BNG "todo o que fai o fai con criterios claros, con equidade, con criterios obxetivos, facEndo que todos os concellos, sexan gobernados por quen sexa, reciban recursos".
O comportamento da Xunta é, para Carmela Silva, "indignante" e "un escándalo" e este venres tamén lle esixiu "como una administración que reparte os recursos con criterios obxectivos", que desde a administración autonómica "se faga exactamente o mesmo".
Ademais, lembra que máis de 700.000 persoas da provincia de Pontevedra vive en municipios con alcaldes que non son do PP, mentres que os concellos gobernados por ese partido só representan a pouco máis de 200.000 persoas, de modo que a Xunta "ten que cambiar".