"Momentos Rías Baixas", unha campaña adaptada á evolución das posibilidades de viaxar
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou a nova campaña bianual 2021-2022 de Turismo Rías Baixas, cunha estratexia "realista" adaptada a cada momento segundo a evolución das posibilidades de viaxar.
Nun acto de presentación desenvolto este luns de maneira telemática desde o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que "estamos nun momento incerto pero non nos imos deter" e por iso deseñaron unha campaña de promoción turística que "será diferente, reformulada e adaptada pero mantendo os valores e acenos de identidade do noso destino".
Unha campaña que definiu como "viva, fresca, divertida, desenfadada, áxil, flexible, positiva e real" que terá tres fases diferenciadas cun calendario flexible e "un fío condutor que apela aos recordos, á memoria sensorial, ao emocional, poñendo en contacto ás persoas visitantes máis fieis e creando comunidade", dixo Carmela Silva.
A primeira fase denomínase "Momentos Rías Baixas", e estará vixente ata o levantamento das restricións, "non nos queremos adiantar", indicou a presidenta provincial. Esta primeira acción está dirixida a aquelas persoas que xa estiveron neste destino turístico, para que compartan nas redes sociais as súas vivencias. "Tamén queremos implicar ao sector, que está detrás deses recordos".
Nesta fase a Deputación organizará concursos e sorteos mensuais. Empezará este mércores 10 de febreiro cunha campaña na internet.
A fase 2 empezará cando non existan restricións á mobilidade e chamarase "É o teu Momento", a idea é presentar o vídeo central da campaña en FITUR, pero dependerá das circunstancias. Neste caso xa se convidará á cidadanía para visitar a provincia partindo das historias reais que foron recibidas na primeira fase trasladando "empatía, emoción e acción".
A terceira e última fase chegará cara a finais deste ano e no inicio de 2022, será entón cando "aproveitaremos a forza tractora do Camiño de Santiago para dar a coñecer os roteiros da provincia", isto é, a da camelia, os fenicios, miradoiros, viño, faros, sendeirismo, entre outras "e atopar o noso propio camiño na provincia de Pontevedra", afirmou Carmela Silva.
Relacionadas:
-
'É o teu momento', a campaña de experiencias únicas que Rías Baixas levará a Fitur
Por María José Pita |
-
Os cociñeiros con Estrella Michelín serán nomeados embaixadores de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación participa no proxecto europeo Greentour
Por Redacción |
-
A Deputación aprobará o venres máis de 1,6 millóns para que os concellos axuden aos sectores afectados pola pandemia
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a destinar o 1% do orzamento a axudar á hostalería e o turismo
Por Redacción |