450.000 euros van investirse no pavimento da estrada provincial entre Curro e Portela
Por Redacción
Preto de catro quilómetros da estrada provincial EP-0506 entre Curro e Portela, pasando por San Antoniño, serán pavimentados nos próximos meses. A Deputación farase cargo destes traballos que xa se atopan en período de licitación.
Gregorio Agís, deputado de Infraestruturas, visitaba este luns a zona acompañado polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes. Trátase dunha vía fundamental neste municipio ao conectar diferentes puntos poboacionais e a intención por parte da institución provincial é dotar de maior seguridade viaria a esta estrada.
Segundo está previsto limparase de maneira completa as marxes e se reperfilarán as cunetas, con labores de fresado e saneo dos sectores máis deteriorados da superficie. Finalmente, aplicarase unha nova capa de rodadura e cambiarase toda a sinalización vertical neste tramo de 3,7 km.
Esta vía supera un tráfico diario de 4.000 vehículos, segundo manifesta Gregorio Agís, cun 6% de circulación de vehículos pesados. O investimento previsto é de 450.000 euros coa idea de mellorar a seguridade nas ligazóns con outras vías perpendiculares e, sobre todo, no cruzamento coa estrada municipal.
O prazo de presentación das ofertas nesta fase de licitación finaliza o vindeiro martes 23 de febreiro. A empresa a quen se adxudique a execución da obra contará cun prazo de tres meses.
O alcalde de Barro agradecía o esforzo económico que realiza a Deputación nesta estrada que une a zona da N-531 coa N-550 e a entrada da autoestrada AP-9.
Relacionadas:
-
Conclúe a reforma da EP-0506 entre Curro e Portela para mellorar a seguridade viaria
Por Redacción |
-
400.000 euros para mellorar a seguridade viaria entre Curro-Portela
Por Redacción |
-
Avanzan as obras de mellora da seguridade viaria nas estradas de Barro
Por Redacción |
-
Barro mellora os servizos nunha ducia de núcleos de poboación co Plan Concellos
Por Redacción |
-
Máis de 450.000 euros para mellorar a seguridade viaria na estrada entre Curro e Portela en Barro
Por Redacción |