Defensa pagará un prezo único para as catro comunidades de montes
Por Oskar Viéitez
As comunidades de Montes de Figueirido e San Xulián reuníronse este martes en Pontevedra co xeneral de División, José Manuel Gordillo Álvarez-Valdés, Subdirector de Patrimonio do Ministerio de Defensa.
O encontro, que os comuneiros coincidiron en valorar como "positivo", serviu para que os responsables de Defensa deixasen claro que o prezo que se negocie polos terreos que ocupe a Brilat será o mesmo para as catro comunidades.
Os primeiros en acudir ao encontro foron os representantes de Figueirido. A Base da Brigada Ligera Aerotransportable ocupa 25 hectáreas de terreo desta comunidade de montes.
O ex alcalde de Vilaboa e presidente dos comuneiros de Figueirido, Constantino Lamoso, foi prudente nas súas declaracións e tras insistir en que a continuidade da base na súa actual situación está asegurada dixo que "a negociación polo tema económico quedou pendente para cando escoiten a todas ás comunidades". "De momento non hai nada", asegurou.
Ao saír do encontro co Xeneral Gordillo os comuneiros de Figueirido encontráronse cos seus homólogos de San Xulián de Marín que apenas estiveron vinte minutos reunidos co Subdirector de Patrimonio. O presidente da xunta de San Xulián, Francisco Casal, recoñeceu que "melloraron a oferta e quedamos en responderlle mañán ou pasado".
Esta "boa oferta" no alcanza os 0,20 euros por metro cadrado, que era o límite que se falou no reunión das catro comunidades o pasado luns en Salcedo. Francisco Casal trasladou que Defensa lles asegurou que o prezo sería "único para todas" as comunidades de montes.
Este mércores será a quenda dos comuneiros de Vilaboa e de Salcedo.