O Servizo de Emerxencias de Sanxenxo reduce o seu horario para abaratar custos
Por Redacción
"Insostible" é a palabra que utiliza o goberno local de Sanxenxo para definir os gastos de 723.174 euros anuais que o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo supón para as arcas municipais.
O coñecido como GES de Sanxenxo "ten un custo moi alto", indican desde o goberno de Telmo Marín, xa que o 80% do seu orzamento, 579.799 euros, está financiado directamente polo Concello, mentres que a Xunta de Galicia achega 81.375 euros e a Deputación Provincial a cantidade de 62.000 euros ao ano.
O Concello sinala que aqueles municipios de menos de 20.000 habitantes para atender as emerxencias contan con grupos de emerxencia supramunicipal ou de parques de bombeiros provinciais. Nestes casos, segundo o convenio de 2018 entre a Xunta e a Fegamp, o 52,5,% do orzamento destes grupos corre a cargo da Xunta, mentres que as deputacións achegan o 40% e os concellos o 7,5%.
Sinalan desde o goberno local que para evitar a duplicidade de servizos co parque de bombeiros do Salnés, situado en Ribadumia, que tamén atende as situacións de emerxencia no municipio turístico, o máis razoable é reorganizar o servizo local.
Con esta idea, segundo expoñen, reduciranse os gastos sen prescindir das 18 persoas que forman parte deste Servizo de Emerxencias actualmente. Esta nova organización contempla cubrir 16 horas e non as 24 horas diarias como sucede neste momento. As horas que non cobre o servizo municipal estarían atendidas polos bombeiros de Ribadumia.
Do persoal actual, 12 traballadores seguirán coas mesmas funcións que ata o de agora e os 6 restantes ocuparanse de novas funcións municipais relacionadas co medio ambiente, como roza de cunetas e camiños para evitar incendios, prevención de inundacións ou coidado ambiental.
Con esta medida reducirase ese orzamento en 200.000 euros anuais, unha cantidade económica que o Concello investirá noutros servizos máis demandados pola cidadanía e que carecen de suficiente persoal, segundo indican desde o goberno de Sanxenxo, que non especifica esoutros servizos.
Está previsto que a administración que dirixe Telmo Marín inicie reunións cos empregados de emerxencias para anunciarlles os cambios e establecer un período de diálogo cos seus representantes sindicais para reorganizar o servizo e manter os 18 postos de traballo.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Emerxencias Sanxenxo critican ao Concello pola súa "temeraria decisión" de reducir o número de efectivos
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que o orzamento municipal recolla 2.000.000 de euros para axudas directas ao sector hostaleiro
Por Redacción |
-
Oposición do PSOE á remodelación do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Rexeitan que Emerxencias de Sanxenxo reduza o servizo e acusan a Telmo Martín de "mala xestión económica"
Por Anxo Lourido |
-
O servizo municipal de Emerxencias realizou 1.169 asistencias por covid durante 2020
Por Redacción |
-
O goberno local de Sanxenxo comunica aos sindicatos a súa intención de revisar o convenio laboral
Por Oskar Viéitez |