Un médico acusado de cobrar por certificados de defunción gratuítos sostén a súa inocencia: "nunca tuve ningún problema con nadie"
Por Natalia Puga
Un tribunal popular xulga desde este martes a J.R.R.D., médico de familia do Servizo Galego de Saúde acusado de cometer un delito continuado de suborno porque, traballando no centro de saúde da Parda, supostamente pediu diñeiro para tramitar certificados de defunción que deben ser gratuítos. Na primeira sesión do xuízo, tras a constitución do propio xurado, os seus integrantes puideron escoitar a declaración do acusado, que en todo momento sostivo a súa inocencia.
"Llevo 35 años trabajando y nunca tuve ningún problema con nadie", asegurou durante o interrogatorio do fiscal, que lle atribúe catro episodios nos que supostamente esixiu a empregados de empresas funerarias diñeiro a cambio de emitir eses certificados de persoas que faleceran mentres el estaba de garda na Parda, e a cuxas vivendas acudiu para confirmar a súa morte.
Fronte á acusación da Fiscalía, que pide que sexa condenado a tres anos e medio de cárcere e sete anos e medio de inhabilitación especial para o emprego de médico ou para cargo público relacionado co exercicio da medicina ou coa condición de médico, o seu avogado defensor pide a súa absolución .
O letrado entende que a acusación "no se sustenta en datos objetivos" e que as acusacións que lle atribúen a el, en realidade, "claramente son una corruptela de funerarias" que, segundo este letrado, nalgúns casos, cobran aos seus clientes por eses certificados asegurando que é o médico quen o fai, pero para o seu enriquecemento.
O propio acusado foi negando un por un os catro episodios dos que o acusa o fiscal, ocorridos en 2016 e 2018, e quixo aclarar, como tamén fixera o seu avogado ao comezo da sesión, que o certificado de defunción é diferente da confirmación do exitus, que consiste en confirmar que, efectivamente, unha persoa está morta pero non as causas. El como médico do servizo de urxencias, está obrigado a emitir confirmacións de exitus, pero non certificados de defunción, que corresponden aos médicos de cabeceira salvo en casos excepcionais como mortes en fin de semana ou festivo nos que non é posible que o médico de familia emítao nun prazo de 24 horas.
Esta aclaración realizouna para asegurar que, se el non está obrigado a emitir ese certificado, non ten sentido que as funerarias digan que el lles cobra, pois o que teñen que facer é acudir ao seu centro de saúde e emitiranlle ese certificado sen custo algún. En todo caso, si recoñeceu que en dous dos episodios que lle atribúen emitiu igualmente o certificado, nunha ocasión porque era festivo e noutra porque a funeraria era de Chantada.
Nos catro negou que cobrase por este papel e lembrou que "no tengo obligación de emitir certificados de defunción, soy médico de urgencias, no estoy para cuestiones administrativas".
O primeiro ocorreu en novembro de 2016, cando acudiu a un domicilio en Pontevedra no que se produciu o falecemento dunha muller de idade avanzada. Neste caso, cando o empregado dunha empresa funeraria acudiu á súa oficina para pedir o certificado, emitiuno porque lle relatou que era de Chantada e porque tivera acceso ao informe médico da paciente falecida, pero só de forma excepcional. Nese informe sinalou que foi un "falecemento por senectude" e nega cobrar os 70 euros que asegura o empregado da funeraria que lle esixiu. Tras este primeiro feito, a filla da falecida presentou unha queixa ante o Sergas.
O segundo episodio ocorreu en xaneiro de 2018 tras unha morte en Monte Porreiro e tamén acabou en queixa por parte do fillo da falecida ante o Sergas. Neste caso, tamén foi de urxencia á casa e logo o empregado da funeraria acudiu ao centro de saúde para pedir un certificado de defunción, ao que el respondeulle que só faría o de éxitus, como efectivamente fixo. Neste caso, o empregado da funeraria asegurou que lle pediu 70 euros por emitilo e, como non lle pagou, non llo emitiu e só confirmou a morte. A certificación oficial de defunción foi finalmente realizada polo médico de cabeceira da falecida.
En febreiro de 2018 ocorreu o terceiro acontecemento denunciade, por unha morte en Cerdedo-Cotobade. O acusado tamén recoñece que acudiu ao domicilio para confirmar a morte e que logo o empregado da funeraria foi á súa consulta máis tarde a recoller a confirmación, deullo e, 6 minutos máis tarde, volveu, lembroulle que era domingo e el tamén emitiu o certificado de defunción. Neste caso, no programa informático do Sergas rexistrou que emitía o certificado e unha anotación "non se cobra".
O fiscal, Jesús Calles, preguntoulle por que especificara ese detalle nese caso e non no resto e o acusado xustificouse explicado que naqueles días había un ruxerruxe de que as empresas funerarias dicían falsamente que os médicos cobraban por estes certificados e el viu que unha compañeira reflectía no informe que non era así, de modo que el tamén o fixo.
Tras esta morte, o empregado da funeraria que foi ao seu despacho presentou unha reclamación no centro de saúde e fixo unha consulta no Xulgado de Garda tras discutir co médico e asegurou que lle pedía 30 euros a cambio do certificado e el pagoullo, pero o acusado negou a discusión e tamén cobrar. Este feito acabou finalmente no xulgado e foi o que motivou que se abrise a investigación da Fiscalía que deu lugar a este xuízo.
O último dos feitos que se xulgan ocorreu por un falecemento nunha vivenda de Pontevedra en xuño de 2018 e o acusado tamén asegura que non emitiu certificado de defunción nin cobrou, pero a empresa funeraria sostén que quería cobrar 100 euros, pero a familia negouse e, por iso, o fillo do falecido, denunciou os feitos.
O xuízo continuará este mércores 10 de febreiro na sección cuarta da Audiencia Provincial coa declaración das testemuñas da causa.
Relacionadas:
-
Tres anos de cárcere e sete de inhabilitación para un médico que pedía cartos a cambio de expedir certificados de defunción
Por Redacción |
-
O médico acusado de cobrar por certificados de defunción, culpable dun delito de suborno
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía considera que hai "probas suficientes" para condenar a un médico da Parda por suborno
Por Oskar Viéitez |