O Galo Fodorico non faltará ao Entroido virtual de Poio
Por Redacción
Poio xa ten preparada toda a programación de Entroido que, nesta ocasión, terá que ser virtual polas restricións da covid-19. Suspendelo non era unha opción e optouse por este formato para manter vivo o espírito deste emblemático festexo.
A edil de Cultura, Raquel Rodríguez, presentou este mércores a programación do Entroido 2021 no que terán protagonismo, entre outros, viúvos e viúvas, os choqueiros e un dos seus personaxes máis emblemáticos, o Galo Fodorico.
As actividades comezarán este venres 12 coa publicación nas redes sociais municipais dun vídeo no que o chef Pepe Solla amosará a preparación de receitas típicas do Entroido ou con 'Choqueirízate', cita a través da cal poderase presumir de disfraces utilizando hashtags nas redes sociais como #EntroidoPoio2021 ou #Choqueirizate.
O domingo 14 divulgarase tamén unha peza audiovisual con temática de Entroido, en cuxo proceso tomaron parte diversos colectivos e grupos moi vencellados a esta celebración, que ano tras ano toman parte nesta iniciativa.
Entre os días 15 e 17, coincidindo coas vacacións escolares, o perfil de Poio Cultura en Facebook ofrecerá obradoiros infantís que tamén terán coma protagonista a figura do choqueiro. As emisións realizaranse a partires das 10.00 horas.
Ademais, a figura do Galo Fodorico Agusto Bastante, santo e sinal deste festexo en Poio, tamén estará moi presente. Isto será posible grazas á implicación da Asociación Ronsel, que entre os días 22 e 27 impulsa o Concurso Viúvos e Choqueiros.
"É unha variante on line do certame que habitualmente se celebra cada ano co Enterro do Galo", explica Raquel Rodríguez, que agradece a implicación e o esforzo desta histórica agrupación á hora de ofrecer á veciñanza esta alternativa para gozar do Entroido.
Ademais da publicación en redes da tradicional esquela, no perfil oficial de Facebook da asociación poderase participar no Concurso Viúvos e Choqueiros. Neste espazo tamén se poderá obter máis información sobre os detalles deste novidoso certame.
Os mellores disfraces serán agasallados con vales de compra para consumir en negocios de hostalería e do comercio de Poio.
Relacionadas:
-
O concurso virtual de choqueiros e viúvas repartirá premios para gastar no comercio de Poio
Por Redacción |
-
Barro organiza un concurso de disfraces para o seu Entroido virtual
Por Alejandro Espiño |
-
Poio prepárase para un entroido interactivo e desde casa
Por Redacción |
-
Poio queda sen Entroido, cancelado pola covid-19
Por Redacción |