Sanxenxo prepárase para un setembro de eventos coma "colofón a un bo verán para a actividade turística"
Por Oskar Viéitez
O goberno local está a traballar para que Sanxenxo volva ser percibido este verán como un destino seguro. "As medidas que o Concello e o sector turístico puxeron en marcha o ano pasado conseguírono e grazas a iso tivemos uns datos de ocupación superiores a outros destinos turísticos", afirman desde o equipo do alcalde, Telmo Martín.
O Concello de Sanxenxo actúa coa firme convicción de que "este ano as condicións serán mellores grazas ao proceso de vacinación", especialmente en setembro "cando será real a desexada inmunización de grupo" e por tanto "en Sanxenxo poderanse celebrar con normalidade os tres eventos previstos".
Así, o sábado 4 de setembro Sanxenxo acollerá a saída da penúltima etapa da Volta de España, un evento deportivo que supoñerá un importante impacto económico e publicitario para Sanxenxo. Na volta participan 22 equipos de ciclismo, que arrastran case 4.000 persoas, 2.500 entre organización e as marcas que hai detrás de cada equipo, máis os 1.200 xornalistas acreditados de máis dunha cincuentena de países.
Calcúlase que o impacto económico dunha etapa de saída, entre pernoitas, restauración, hostalería, comercio e combustible, deixa entre 500.000 e 700.000 euros na cidade. A maiores hai que ter en conta o impacto publicitario e mediático que supón, o sinal de televisión que chega a 190 países e a audiencia en España da retrasmisión da etapa un sábado que é de 2 millóns de espectadores. En resumo, para o goberno local é "unha oportunidade para activar a economía e transmitir a mellor imaxe de Sanxenxo".
Entre os días 9 e 19 de setembro celebrarase en Sanxenxo o campionato de Europa de vela de 6 metros que organiza o Real Club Náutico. Participan 50 barcos de 15 países, Portugal, Francia, Reino Unido, Alemaña, Suíza, entre outros.
Está previsto que se despracen a Sanxenxo 500 persoas, 250 regatistas e 250 persoas máis de apoio dos equipos. Calcúlase que gastarán 250 euros por persoa e día o que supón un impacto económico 1,2 millóns de euros sen contar os xornalistas especializados e os afeccionados a este deporte que se despracen a Sanxenxo.
O 4 de setembro, día de Santa Rosalía, celébrase a Feira da Cebola, polo que o goberno traballa para facer compatibles a loxística de ambos os eventos, de maneira que a volta tamén sirva para dar a coñecer as cebolas e verduras que se cultivan nos vales do municipio.
Na segunda quincena de setembro terá lugar a tradicional concentración de motos que cada edición atrae a Sanxenxo unhas 15.000 persoas ao longo da fin de semana. Un evento que organiza o Moto Club Amigos da Moto de Sanxenxo e que este ano celebra a súa 36 edición, que demostra que se trata dun dos eventos moteiros máis importantes de España.
O goberno confía en que Sanxenxo teña un verán "ascendente", xa que "a situación sanitaria prevese que sexa boa en xullo, mellor en agosto e case de plena normalidade desde setembro ata final de ano". "O sector turístico e os veciños poderán recuperar unha parte importante do que se perdeu no último ano", afirman.
Relacionadas:
-
A Feira da Cebola non se perde o arranque de setembro en Sanxenxo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A Feira da Cebola e La Vuelta, eventos para celebrar Santa Rosalía en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo será durante dez días a capital europea da vela
Por Redacción |
-
La Vuelta 2021 decídese en Galicia: Sanxenxo será saída dunha etapa de montaña e Compostela acollerá a crono final
Por Manu Otero |