Raimundo González sinala que o goberno local ten "vontade" de elaborar orzamento para 2014
Por Alejandro Espiño
Tras operar este ano co orzamento municipal de 2012 prorrogado, Pontevedra podería contar cun novo no 2014. Polo menos, segundo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, "a nosa vontade é facer orzamento". Así o explicou o edil nacionalista a preguntas dos xornalistas ao remate da comisión municipal de Economía e Facenda. "Estamos traballando no tema", recoñeceu.
En todo caso, Raimundo González indicou que se comezará a elaborar este documento "a partir de dous elementos que queremos saber con certa precisión". Trátase das transferencias do Estado, que supoñen preto do 25% dos ingresos, e que adoitan comunicarse en outubro; e a normativa en relación a persoal e posibles conxelacións de salarios e plantel, ao ser aproximadamente o 30% do gasto anual.
"O que máis nos condiciona é iso", explicou González. En canto coñezan ambas variables, BNG e PSdeG-PSOE comezarán a negociar o orzamento. Ata agora, recoñece, "estamos no terreo da estratexia", en relación a recentes declaracións dos socialistas sobre as partidas que queren aumentar, "para chegar posteriormente á intendencia", é dicir, ao reparto de partidas para cada unha das áreas.
Raimundo González defendeu, malia todo, a decisión tomada no seu momento de prorrogar o orzamento de 2012. Entende que foi a "decisión correcta" e que permitiu que o Concello de Pontevedra "se acercara á pretensión do Goberno de facer coincidir os gastos co exercicio económico".
OUTROS ASUNTOS ECONOMICOS
Na comisión de Economía e Facenda, aprobouse ademais a conta xeral de 2012, coa abstención do PP. Será remitida ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, previa aprobación polo pleno municipal, antes do 15 de outubro. E tamén se deu luz verde á modificación de crédito de 425.000 euros que Pontevedra debe aportar ao convenio con Acuaes, para renovar o abastecemento de auga na Ría. O PP tamén se abstivo.