Rexeitan que Emerxencias de Sanxenxo reduza o servizo e acusan a Telmo Martín de "mala xestión económica"
Por Anxo Lourido
A decisión do goberno local de Sanxenxo de reducir os horarios, persoal e quendas do servizo de Emerxencias provocou a reacción dos sindicatos CIG e CCOO, ademais do persoal deste departamento municipal.
Dina Porral, da CIG, e José Luis García Pedrosa, de CCOO, manifestaban este venres que o Concello de Sanxenxo encargou en maio de 2020 a unha empresa externa unha auditoría para mellorar a situación de determinados servizos. García Pedrosa sinalaba que algúns concelleiros con dedicación exclusiva en lugar de traballar trasladan estes estudos a empresas externas porque "para iso non hai problemas económicos".
Segundo sinalan, os cambios anunciados ao servizo de Emerxencias supoñerán a "case desaparición" desta prestación ao deixar de realizarse durante as 24 horas do día e pasar a 16 horas. Ademais, o persoal reduciríase de 18 operarios a 12.
Os sindicatos afirman que esta situación é consecuencia da "mala xestión económica" do alcalde Telmo Martín á fronte do Concello e lembran que nos seus anteriores mandatos deixou ao municipio ao bordo da quebra. Sinalan que, na actualidade, o Concello atópase nunha situación "delicada" debido ás sentenzas en contra que recibiu a xestión do alcalde. Denuncian que estes problemas pretende que o pague o persoal e, de paso, os veciños ao verse afectados pola retirada de servizos.
Afirman tamén que os números utilizados por Telmo Martín para reducir o servizo están "inflados" e son "falsos". Ademais, consideran que o rexedor está a faltar os veciños porque pretende que, na tempada estival, o servizo retome o horario de 24 horas ao día. Para os sindicatos isto supón un trato de "cidadáns de terceira" para os residentes de Sanxenxo durante todo o ano ao ter que conformarse coas "farangullas" do que sobra de atender ao turismo.
Telmo Martín alegara que se produce unha duplicidade coa cobertura do Servizo Provincial de Bombeiros con sede en Ribadumia. Unha afirmación que negan os sindicatos que lembran que os tempos de resposta actuais de 4 minutos a través do servizo local pasarán a ser de 17 minutos no mellor dos casos. Apuntan, ademais, que este Parque de Bombeiros ten un amplo espazo de coberttura chegando a municipios como Cerdedo-Cotobade, coa dificultade que iso conleva nunha intervención en caso de producirse dúas situacións de emerxencia ao mesmo tempo.
Neste sentido, CIG e CCOO reclaman unha aposta máis firme por parte da Xunta e da Deputación para potenciar este servizo local de Emerxencias de Sanxenxo.
O persoal alega que a decisión que proxecta Telmo Martín supoñerá tamén unha diminución da seguridade para os traballadores, xa que pasarán a ser dous efectivos en lugar de tres nunha quenda.
Os sindicatos explican que a decisión do goberno local chega precedida de sentenzas do xulgado do social a favor dos traballadores deste servizo, que mostraban a mala xestión que o Concello realiza en materia laboral. Acusan a Telmo Martín de descoñecer o funcionamento deste servizo e afirman que se manifestarán en contra do desmantelamento desta unidade de Emerxencias.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Emerxencias Sanxenxo critican ao Concello pola súa "temeraria decisión" de reducir o número de efectivos
Por Oskar Viéitez |
-
Oposición do PSOE á remodelación do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo convoca aos sindicatos para debater a reorganización do servizo de Emerxencias
Por Redacción |
-
Telmo Martín dá positivo en covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
O Servizo de Emerxencias de Sanxenxo reduce o seu horario para abaratar custos
Por Redacción |