O Concello espera que as obras na rúa da Santiña comecen a finais de ano
Por Redacción
As obras na rúa da Santiña comezarán a finais de ano. Polo menos esa é a intención do concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, que explicou que a previsión é proceder a redactar o proxecto de execución con carácter inmediato e poder iniciar, canto antes, o proceso de licitación.
Durante a asamblea en liña celebrada esta semana coa veciñanza do barrio do Burgo, o concelleiro destacou que as achegas veciñais que reciban nos vindeiros días serán avaliadas de cara a próxima redacción do proxecto de execución da reforma da rúa da Santiña. Tamén expoñeron os principais aspectos da reforma da rúa, que cambiará por completo o seu deseño urbano e terá un tratamento similar ao resto de rúas que conforman o percorrido do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade.
Este proxecto de reforma, tal e como xa adiantou o Concello, terá plataforma única cun pavimento continuado para unificar a intervención, a dotarán de varias zonas arboradas, de áreas de estancia e de descanso, conservarán a fonte no extremo norte, renovarán por completo tanto o alumeado vertical como a sinalización lumínica de cortesía integrada nos bancos, muros e chan, e tamén acometerán a renovación dos servizos de saneamento e o soterramento dos servizos de electricidade, gas e telecomunicacións.
Por su parte, as principais intervencións da veciñanza centráronse en coñecer máis polo miúdo cuestións relativas a aparcadoiros ou elementos de calmado do tráfico, que en principio non están previstos posto que a "nova rúa da Santiña" terá un tratamento similar á rúa Michelena.
Na reunión tamén xurdiron demandas relacionadas co sistema de xestión de residuos urbanos, con consultas sobre a implantación da compostaxe e do colector marrón, así como sobre a necesidade de revisar os colectores existentes. Sobre este aspecto, Demetrio Gómez solicitou que todas as achegas e demandas relativas a residuos as trasladen ao Concello a través da páxina web para darlle solución ás cuestións máis urxentes e determinar as que poidan ser tidas en conta de cara ao novo contrato de xestión de residuos sólidos municipais no que o Concello está a traballar actualmente.
O proxecto básico de rehabilitación integral da rúa da Santiña contempla un orzamento que ascende a 1.804.914 euros e que foi elaborado a partires dun plan de necesidades aprobado previamente en asamblea veciñal.