Estacionar mal en Augusto García Sánchez ou Barcelos, a sanción de tráfico máis frecuente en 2020 en Pontevedra
Por Natalia Puga
Os estacionamentos incorrectos son a infracción de tráfico que máis sancións xeran en Pontevedra. En total, o 87% das denuncias formuladas pola Policía Local en todo o ano 2020 foron por este motivo e, ademais, boa parte delas concentráronse nunhas cantas rúas do centro da cidade. Augusto García Sánchez, a praza de Barcelos e as avenidas de Vigo, Buenos Aires e Rafael Areses concentraron a maior porcentaxe de infraccións detectadas.
Durante o ano 2020, a Policía Local de Pontevedra interpuxo un total de 5.420 sancións por infraccións de tráfico, o que supón unha media de 13,53 sancións ao día e, ademais, unha redución da cantidade de multas con respecto ao ano anterior que necesariamente está relacionada co confinamento xeral da poboación durante a primeira e as restricións de desprazamentos que se foron impoñendo durante o resto do ano para tentar frear a expansión da covid-19.
A memoria anual da actividade da Policía Local pon sobre a mesa esta redución, pois durante o último ano tramitáronse 2.441 infraccións menos que en 2019, isto é, un 21% menos. Ademais, supón confirmar unha tendencia á baixa das infraccións que, con pequenos picos, mantense na última década. Entre 2010 e 2020 as sancións pasaron de 18.381 a 5.420, isto é, baixaron 12.96, un 70,5%.
Segundo a memoria policial anual, hai 24 rúas nas que se realizaron máis de 50 denuncias en 2020, das que Augusto García acapara a maior cantidade de infraccións, un total de 212. Moi de preto séguelle a praza de Barcelos, con 203.
O resto de rúas están por baixo das 200, pero hai cinco que teñen máis de 100. Trátase da avenida de Vigo (175), a avenida de Buenos Aires (164), a avenida Enxeñeiro Rafael Areses (122), a rúa Amado Carballo (121) e Eduardo Pondal (104).
Os estacionamentos incorrectos provocaron en 2020 un total de 4.304 denuncias, mentres que o resto de infraccións relacionadas coa circulación tan só provocaron 636. Dentro dos aparcamentos indebidos, o máis frecuente entre os denunciados polos policías pontevedreses é o de deixar un vehículo en zona reservadas para outros usuarios. Nestes lugares foron sorprendidos un total de 1.526 vehículos durante o ano 2020.
O mal uso das prazas reservadas para carga e descarga (630), aparcar na beirarrúa (462), non respectar o sinal de prohibido (377), aparcar en zona peonil (370), aparcar en zonas sinaladas con limitacións circunstanciais (229), estacionar nun lugar marcado por un vao permanente (207) ou deixar o vehículo obstaculizando a circulación (127) son, por esta orde, as infraccións de estacionamento máis frecuentes.
Neste campo, destacan dúas moi insolidarias, aparcar en zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida, detectada 62 veces; e aparcar en pasos rebaixados para persoas con mobilidade reducida, que provocou outras 3. Nesta última, destaca unha redución importante con respecto aos últimos anos, pois en 2018 e 2019 foran 12 denuncias.
En canto ao resto de denuncias formuladas polos policías, a que xera máis sancións é conducir mentres se fala polo teléfono móbil, comportamento que provocou 190 denuncias. Outras 86 persoas foron denunciadas por conducir dando positivo en consumo de drogas e 80 por facelo cunha proba de alcoholemia positiva. Condutores que non levan o cinto de seguridade (30) e acompañantes sen esta protección (8) son outras das infraccións detectadas.
Non todos os días do ano e horas do día rexistran o mesmo número de denuncias, senón que a actividade sancionadora intensificouse en 2020 durante o primeiro e o terceiro trimestre, entre os martes e os xoves e en horario de mañá ou á primeira hora da tarde.
Así, os meses con máis denuncias foron xusto antes do confinamento pola covid-19: xaneiro, con 658, o 13% do total, e febreiro, con 611, o 12,37%. Tras un parón en marzo, pero, especialmente en abril e maio, no verán volveron crecer os movementos da poboación e, por tanto, a actividade infractora.
En abril apenas houbo 66 denuncias en todo o mes, un 1,34%, e en maio, 259, o 5,24%. Tamén decembro, un mes marcado polas restricións e o peche perimetral, tivo un baixo nivel de denuncias, apenas 224, o 4,53%, mentres que en agosto e outubro a actividade alcanzou niveis case similares aos dos meses pre confinamento, con 551 e 582.
Media mañá e primeira hora da tarde son os momentos do día nos que os axentes detectan máis sancións. En 2020, o momento de máis actividade viviuse entre as 10.00 e as 11.00 horas e as 12.00 e as 13.00 horas pola mañá, cun 13,1 e un 11,3% das denuncias, respectivamente. En total, o 54,25% das infraccións detéctanse en horario de mañá e apenas o 7,67% durante a noite.
As seguintes horas con máis actividade foron de 11.00 a 12.00 e, pola tarde, de 18.00 a 19.00 horas, con igual porcentaxe de infraccións, o 9,6% do total. Durante a madrugada, entre as 3.00 e as 7.00 horas apenas se interpoñen denuncias, con menos do 1% das realizadas en cada un deses momentos, aínda que a hora do día con menos infraccións concéntrase entre as 22.00 e as 23.00, con apenas 20 infractores en todo o ano, o 0,4% do total.
Por días da semana, o mércores é o que máis denuncias puxeron os policías pontevedreses en 2020, con 893, o 18% do total. Séguenlle, con apenas variación entre eles, martes (813, o 16,45%) e xoves (808, o 16,26%), confirmándose o domingo como a xornada de menos infraccións. En todo o ano tan só interpuxéronse 313 sancións nese día, un escaso 6,34%.
En canto ao total de sancións impostas polos axentes municipais, a práctica totalidade foron denuncias logo tramitadas polo Concello de Pontevedra, 4.940 do total, mentres que outras 474 tramitounas a Xefatura Provincial da Dirección Xeral de Tráfico e seis expedientes continuounos a Xefatura Provincial de Transportes da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Malestar dos pais do CEIP Vidal Portela polas multas da Policía Local co estacionamento
Por Marisa Ciordia |
-
Vinte e tres vítimas da violencia machista están a ser protexidas en Pontevedra pola Policía Local
Por Alejandro Espiño |
-
Barcelos é o lugar de Pontevedra onde se multa a máis vehículos por mal estacionamento
Por Redacción |