O Entroido que non se vive na rúa tomou forza nos colexios
Por Redacción
Con seguridade, pero sen perder o espírito do Entroido. Así viviron a última semana os centros educativos pontevedreses, que non quixeron que a alerta sanitaria actual que impediu a celebración de desfiles e festas na rúa deixara ao alumnado sen celebracións. Os colexios e institutos organizaron actividades colectivas que levaron ás aulas a festa habitual da rúa.
No colexio de Ponte Sampaio, o alumnado e profesorado gozou do entroido toda a semana, pero sempre respectando a prevención e o protocolo esixido pola covid-19. De luns a xoves, tiveron lugar diversas actividades como as pincomandas (comandas da mascota de biblioteca), obradoiros de máscaras de Entroido, obradoiro de disfraces de Entroido para o alumnado de infantil e lectura de contos, así como a explicación dos distintos entroidos tradicionais de Galicia.
O luns foron ao cole en pixama, bata e zapatillas. O martes tocou viaxar a Escocia e levar saia escocesa. O mércores percorreron o mundo na procura das bandeiras máis interesantes, bonitas e vistosas e foron vestidos de bandeira. O xoves era o Día da Muller e da Nena na Ciencia, foron vestidos de científicos. O venres tivo lugar un festival de Entroido pandémico con fortes medidas de seguridade, a tradicional corrida do galo do alumnado de Educación Infantil e unha degustación individual os doces típicos de Entroido.
No colexio Inmaculada de Marín a celebración non contou coa festa multitudinaria habitual, pero si cunha alta implicación. Tras un ano monstruoso, a temática elixida polo centro foi este Entroido os Monstros e, por quendas e cun protocolo adaptado aos novos tempos, os alumnos foron realizando os seus bailes e gozando do entroido con moita marcha.
Ademais do día típico de Entroido escolar, este ano propúxose cada día levar pequenos detalles de disfrace para animar un pouco máis a festividade. O luns tocou calzado e calcetíns de diferentes cores. O martes, unha perruca ou un chapeu estravagante. O mércores tocou a elegancia dunha gravata ou unha paxarela. O xoves decoraron a máscara e levaron anteface. E o venres os monstros apareceron para rematar a semana cun pouquiño de ilusión.
No IES de Poio, profesorado e alumnado celebraron o Entroido adaptándose ás circunstancias actuais, que impediron realizar o tradicional festival, pero non o concurso de disfraces. O alumnado decorou as súas aulas e encheunas de espírito de Entroido.
Ademais, ao longo da semana, a Biblioteca recuperou a figura do meco, que mandou ao alumnado acudir ao centro con roupa do revés ou cun zapato distinto en cada pé para revolucionar o centro.
Relacionadas:
-
Reunión no Concello de Marín para deseñar as actividades do Entroido
Por Redacción |
-
Nenuco pandemia: un simpático bebé e unha caixa de cartón gañan o primeiro premio do concurso de disfraces de Meis
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
O concurso virtual de choqueiros e viúvas repartirá premios para gastar no comercio de Poio
Por Redacción |
-
Marín reparte os premios do seu Entroido virtual con máscaras
Por Oskar Viéitez |