A pandemia chegou para revolucionar e acaparar a actividade de Protección Civil de Cuntis
Por Natalia Puga
A crise sanitaria derivada da covid-19 acaparou a actividade da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis durante o ano 2020. Tal e como se desprende da memoria de actividade que fixeron pública esta fin de semana, desde a irrupción da pandemia en marzo, envorcáronse na atención á cidadanía e en realizar todas as colaboracións solicitadas polo Concello en tarefas como limpeza e desinfección ou reparto de material á poboación.
En xeral, durante o ano 2020 o 112 notificou un total de 246 operativos a Protección Civil de Cuntis, practicamente a metade dos 483 realizados en 2020. Esta redución débese a que nesa listaxe non se teñen en conta as actuacións derivadas da crise sanitaria.
Entre marzo e agosto, realizaron unha media diaria de 7 operativos de compra de produtos de primeira necesidade, 3 puntos de desinfección, desinfección de todas as rúas do casco urbano, e 6 visitas a persoas que viven soas ou que necesitaban algunha atención especial.
En Cuntis estableceuse desde o inicio da pandemia unha Comisión de Seguimento da Evolución da covid-19, formada entre outros polo Responsable deste Servizo, que estableceu unha serie de actuacións a realizar por parte de Protección Civil, colaborando estreitamente con outros Servizos, como Policía Local.
Así, durante todo o ano estiveron centrados en tarefas de limpeza e desinfección de espazos públicos, focalizándose en zonas de paso habitual como supermercados, farmacias, bancos e centros de saúde. Posteriormente, e conforme se conseguía material e funxibles para avanzar máis rápido, levaron este plan de limpeza a todos os viais do casco urbano, así como limpeza de contedores de lixo tanto en zona urbana como no rural.
Ademáis, activouse un plan de atención ás persoas confinadas ou colectivos de risco, realizando tarefas como a compra de produtos de primeira necesidade ou a retirada do lixo, permitíndolle así non ter que saír á rúa.
Protección Civil tamén mantivo colaboración cos Servizos Sociais de cara a que aos maiores usuarios do centro de día puidesen continuar coas súas actividades. Procedeuse ao reparto de documentación aos usuarios, así como de material escolar ao alumnado do CPI Aurelio Marcelino Rey García.
Ademais, realizou repartición de máscaras de protección entre a poboación atendendo a criterios como o factor de risco da persoa solicitante e o número de unidades dispoñibles.
Durante a recta final do ano, a partir de agosto, a agrupación centrouse en dar resposta á poboación confinada, con tarefas como recollida de lixo a domicilio e servizo de compra de produtos de primeira necesidade, así como realizar as limpezas e desinfeccións de puntos sensibles periodicamente.
O ano 2020 estivo totalmente marcado pola emerxencia sanitaria da covid-19, o que fixo mudar absolutamente todo o traballo planificado para o ano 2020, de tal maneira que, a diferencia de anos anteriores, os voluntarios non realizaron cursos de formación na Academia Galega de Seguridade durante 2020 nin tampouco actividades específicas de promoción do voluntariado, simulacros, charlas divulgativas, actividades relacionadas coa seguridade vial ou plans de emerxencias.
A meirande parte das actuacións da agrupación de voluntarios Cuntis responden a colaboracións co Concello ou con entidades que solicitan a súa presenza, que este ano se centraron case de xeito exclusivo na xestión da pandemia.
Tamén a crise sanitaria se deixou notar na accidentalidade, pois os confinamentos e limitacións á mobilidade tamén reduciron os sinistros. De todas maneiras, desde Protección Civil insisten en que existen dúas zonas no seu ámbito de actuación onde se producen a maior parte dos accidentes e que deixaron tamén sucesos en 2020.
Trátase da estrada N-640 no tramo coñecido como curvas de Castroloureiro, especialmente perigoso debido ao radio das curvas existentes, con moito arborado que propicia que o firme estea mollado durante moita parte do día, e polo tanto deslizante; e da estrada EP-8401, onde existen curvas tamén pronunciadas e circulan vehículos pesados, os cales tiveron varios accidentes.
Pese a que a pandemia o acaparou todo, tamén tiveron intervencións relacionadas coa recollida de animais, tanto vivos coma mortos. A meirande parte destas actuacións danse por chamadas de veciños que atoparon un can en algún sitio, gran parte deles abandonados, e que ante a posibilidade de que sexa perigoso, requiren a súa presenza.
Merecen unha mención especial os avisos de velutina. A cantidade de avisos de avespa velutina atendidos por esta Agrupación inclúe durante 2020 os realizados en concellos veciños como Portas, Moraña, Barro ou Caldas de Reis, onde as respectivas alcaldías solicitaron a súa colaboración, e que se incrementan notablemente respecto ao ano anterior.
Relacionadas:
-
As curvas de Castroloureiro e de Portela, un ano máis, puntos negros da circulación en Cuntis
Por Natalia Puga |
-
Remesa de máscaras infantís e de adultos para un regreso ás aulas seguro no colexio Don Aurelio
Por Redacción |
-
Retiran nun só día 14 niños de avespa velutina en Cuntis
Por Redacción |
-
Rescatan unha cadela en Cuntis que levaba dous días atrapada nunha casa abandonada
Por Redacción |
-
Rescatan un condutor atrapado nun coche accidentado en Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
Dous feridos tras unha colisión na N-640 ao seu paso por Cuntis
Por Redacción |
-
Preocupación por un incendio forestal en Cuntis próximo a un núcleo habitado
Por Oskar Viéitez |
-
Sete gatos recollidos en Cuntis buscan fogar con urxencia
Por Redacción |