Zafarrancho de limpeza nos centros urbanos de Sanxenxo, Portonovo, Vilalonga e A Revolta
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo ten previsto realizar un zafarrancho de limpeza en prazas, beirarrúas e outros espazos públicos empedrados ao longo das próximas semanas.
Os traballos estarán concentrados nos centros urbanos de Sanxenxo, Portonovo, Vilalonga e A Revolta durante un prazo estimado dun mes.
As rúas e zonas que están incluídas na lista de limpeza son as máis transitadas e requiren maior atención, adiantan desde o Concello.
Desta maneira, en Sanxenxo centraranse na Avenida de Madrid, Constitución, Cesteiros, Viña da Fonte, Augusto González Bicada, San Isidro, Praza de Portugal, Paseo de Silgar, Rúa Vidal Rocha, Rúa Ourense e Rúa dos Quinteiros.
En Portonovo, pola súa banda, o operativo actuará en Rafael Picó, Rúa da Mariña, Arenal, Méndez Núñez, Santa Catalina, San Roque, Praza do Enxido, Rúa das Flores, La Unión, Lalinde del Rio, Rúa da Paz, Pontevedra, Ourense.
Finalmente, en Vilalonga os traballos concentraranse na estrada xeral e Praza Pública. Tamén está previsto actuar na estrada xeral da Revolta.
Todos estes traballos serán realizados mediante un furgón especializado, cun depósito GRG e hidrolimpadora a presión, previo pulverizado de clorito nas zonas de verdín. Nalgunhas zonas non se aplicará esta limpeza, pero si se botará clorito ou herbicida para eliminar o verdín ou as malas herbas, segundo proceda.
Con este zafarrancho de limpeza, a Concellería de Medio Ambiente quere poñer a punto o municipio cun tratamento preventivo que elimine a sucidade e o verdín xerado polas choivas nas zonas máis sombrías. A maiores farán unha limpeza integral das papeleiras para permitir unha mellor hixiene e conservación.
Así mesmo, Medio Ambiente tamén está a realizar melloras nos areais de Major ou Pragueira coa colocación dunha pasarela e a protección dunar en Foxos e Areas Gordas.