Bueu e Campo Lameiro, únicos concellos da área sanitaria cunha incidencia acumulada inferior a 250
Por Redacción
A curva de contaxios de covid-19 vai freándose na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con moitos municipios que levan xa días de baixada de casos activos e sen apenas novos positivos, pero a incidencia acumulada segue disparada.
Así, tan só dous municipios de toda a área sanitaria teñen unha incidencia acumulada a 14 días de menos de 250 casos por cada 100.000 habitantes. É o caso de Bueu e Campo Lameiro, este último desde leste mesmo domingo.
Segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, esa incidencia acumulada si baixou dos 1.000 por cada 100.000 habitantes no resto de municipios da área excepto en Soutomaior, única localidade cunha cifra superior a 14 días.
Unha das noticias máis esperanzadoras da xornada chega desde a comarca de Umia, pois todos os municipios baixan de 500 casos por 100.000 habitantes, caendo a incidencia de Caldas, Cuntis e Moraña na última xornada.
En Caldas de Reis hai este domingo 45 casos activos, cinco menos que o sábado. En Cuntis contabilízanse 26, a mesma cifra que un día antes. A baixada é máis acusada en Moraña, con 17 casos activos, oito menos nunha xornada.
A baixada do número de casos é xeneralizada nos municipios, pero hai municipios que se resisten. Bueu si ten unha tendencia positiva, pero este domingo sumou dous casos máis, situándose en 32. En Marín a tendencia non é boa nos últimos días e este sábado teñen 136 enfermos, un máis. En Vilanova de Arousa, tras días de control, volveron subir dous casos e hai este domingo 35.
En Pontevedra os casos si se reduciron, en concreto, en 25, e sitúanse en 397 este domingo.
Tamén Poio segue nesta tendencia á baixa, con 12 casos activos menos que sitúan o total deste domingo en 196.
Similar é a redución de Sanxenxo, con 11 casos menos que sitúan en 114 o total de persoas coa infección activa.
Cambados non rexistrou cambios e mantense con 63 casos activos, en Vilagarcía teñen un caso menos, situándose en 153 e en Ribadumia tamén teñen dous casos menos, ata chegar aos 20.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódese consultar no mapa que acompaña a esta información.