Denuncian por cuarta vez un bar de Xeve por incumprir as restricións pola pandemia
Por Oskar Viéitez
Por cuarta ocasión un bar da parroquia de Xeve foi multado pola Policía Local de Pontevedra por saltarse as restricións sanitarias.
A concelleira portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, informou este luns do labor de inspección e control da Policía Local na semana do 8 ao 14 de febreiro, na que puxo 62 propostas de sanción polo incumprimento das medidas impostas con motivo da pandemia da Covid-19.
Concretamente, de luns ao xoves interpuxéronse 25 denuncias e de venres a domingo foron outras 37 máis.
Entras as máis rechamantes atópanse as multas a dous locais hostaleiros.
Este bar reincidente de Xeve foi denunciado o sábado. Os axentes municipais interpuxéronlle 3 denuncias por unha agrupación de persoas non conviventes, ao propietario do local puxéronlle dúas multas: por non permitir a inspección do bar e outra por exercer unha actividade hostaleira que está prohibida polas actuais normas para evitar a propagación do Covid-19. Ademais houbo outras tres denuncias polo consumo no interior.
O xoves pola tarde houbo outra inspección da Policía Local a unha taberna rural de Fragoso, na que puxeron 4 denuncias a clientes por non ser conviventes. Nin os clientes nin o propietario usaban máscara, unha circunstancias pola que tamén foron propostos para sanción, e o propietario do local suma outra multa máis por exercer unha actividade hostaleira que está prohibida nestes momentos.
CONTROIS
Ademais a Policía Local continúa exercendo un labor de inspección e control en puntos como os supermercados, Praza de Abastos, establecementos comerciais, entre outros locais nos que se produce unha maior concentración de persoas.
Anabel Gulías quixo destacar que a Policía Local tamén acode e os colexios e institutos para supervisar as entradas e saídas dos centros educativos e o respecto das normas sanitarias nos tempos de recreo, significando que "non se puxo ningunha denuncia o cal é de parabenizar", dixo.
En canto aos controis do tráfico despregáronse en 10 puntos do municipio. Dous de luns a xoves e 8 na fin de semana que lanzaron un saldo total de 27 denuncias. Das que 14 foron por saltarse o peche perimetral, 4 por non levar posta a máscara e 9 por non conviventes.
Finalmente Gulías informou que a concesionaria do servizo de limpeza está a recoller o lixo en 13 domicilios con casos activos de covid.
Relacionadas:
-
A Policía Local tramita 17 multas, 4 a locais de hostalería, por incumprir as normas anticovid na última semana
Por Manu Otero |
-
Once persoas denunciadas en Pontevedra por participar nunha clase de pilates
Por Alejandro Espiño |
-
O comercio recuperará o seu horario habitual e retómase a actividade cultural a partir deste mércores 17
Por Redacción |
-
Dúas de cada tres sancións en Pontevedra son por saltar o peche perimetral
Por Alejandro Espiño |