A Xunta aborda co sector o plan de hostalería segura que guiará a desescalada
Por Oskar Viéitez
A Xunta avanzará, en colaboración co sector, nun plan de hostalería segura para que unha vez que a evolución epidemiolóxica do coronavirus permita a súa reapertura esta se leve a cabo nun escenario con tódalas garantías sanitarias.
O protocolo abordouse na tarde deste luns nunha reunión entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, con representantes de asociacións de empresarios de hostalería e restauración.
O plan trasladado ao sector baséase en tres piares: máxima seguridade no acceso aos establecementos, máximo seguimento de posibles gromos e máximo control no cumprimento das normas.
Así, por unha parte, co obxectivo de garantir a seguridade no acceso, os negocios de hostalería deberán indicar na entrada ao local o límite máximo de aforo para que os clientes saiban se poden acceder e, no interior, cumprir a distancia de 1,5 metros de separación entre as mesas.
Ademais, o goberno galego traballará na posta en marcha dun sistema de rexistro das entradas dos clientes, é dicir, un sistema de rastreo que permita localizar de xeito áxil e sinxelo aquelas persoas que estivesen en contacto no local cun positivo por covid-19 e ante un gromo poder proceder ao seu illamento.
En terceiro lugar, a Xunta levará a cabo un plan de control para garantir o máximo cumprimento das normas adoptadas polas autoridades sanitarias para previr a covid-19 nos establecementos de hostalería. Para executar este plan precisará da colaboración dos concellos e entre as forzas e corpos de seguridade.
O proceso de desescalada das restricións sanitarias na hostalería avaliarase nas reunións do comité clínico unha vez analizada a tendencia da evolución dos datos epidemiolóxicos en cada área.
Na reunión reiterouse que a Xunta porá en marcha de forma inminente o segundo Plan de Rescate, co que sumará 160 millóns en apenas catro meses, e cuxa tramitación administrativa se está a realizar de xeito urxente cara a publicar a primeira orde de axudas esta semana no DOG.
Mentres tanto, a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería presentou diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso contencioso-administrativo contra a decisión da Xunta de manter o peche da hostalería, a partir do que piden a apertura cautelar do sector hostaleiro, que leva pechado desde o 27 de xaneiro.
Relacionadas:
-
Sanidade reabrirá o próximo luns gran parte da área de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta amplía as axudas a unha hostelería que intensifica as movilizacións
Por Manu Otero |
-
A Xunta informa ás asociacións da activación das axudas do segundo plan de rescate
Por Oskar Viéitez |
-
O comercio recuperará o seu horario habitual e retómase a actividade cultural a partir deste mércores 17
Por Redacción |
-
A Federación Provincial de Hostaleiros denuncia á Xunta polo peche do sector
Por Manu Otero |
-
Aproban por unanimidade aumentar en 1,6 millóns de euros as axudas para os sectores afectados pola pandemia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Núñez Feijóo augura unha apertura "gradual e prudente" pero advirte que "non podemos fallar ata maio"
Por Redacción |