A Xunta reforza a atención á muller e as accións de prevención da violencia de xénero
Por Redacción
A Xunta de Galicia vai reforzar a atención á muller e o desenvolvemento de accións de prevención da violencia de xénero, fomento da conciliación e sensibilización na igualdade ao longo do presente exercicio nas comarcas de Pontevedra e Caldas.
Estas iniciativas foron abordadas nunha xuntanza telemática celebrada este martes entre a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, coas responsables dos 17 centros de información á muller (CIM) da área territorial, na que se abordou o seu funcionamento e a posta a disposición de diferentes recursos por parte do Goberno galego para o presente ano.
Así, a Xunta seguirá sostendo axudas e recursos para a atención a vítimas de violencia de xénero, como as prestacións económicas, asistencia psicolóxica e xurídica, a través dos CIM, así como a Rede de Casas de Acollida de Galicia entre outros recursos.
Neste punto, concretáronse as novas iniciativas para previr e invervir ante a violencia machista como consecuencia da covid-19.
Ademais, tamén vanse reforzar os programas de conciliación da vida familiar e laboral e ábrese a posibilidade de establecer vías de colaboración nesta materia cos concellos ao tempo que se manteñen operativos os centros de acollida e se potencia a colaboración coa Rede Galega contra a Trata para atender situacións de especial vulnerabilidade.
O plan de reforzo tamén inclúe a ampliación do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, chegando a Xunta a asumir o 100% do seu custo, e a actividade, as 24 horas do día, da atención telefónica a través do número 900 400 273.
Tamén permanecerá operativo o asesoramento xurídico en liña e as terapias de apoio psicolóxico, nas modalidades presencial, telemática e telefónica, para todas as mulleres, con especial relevancia para as vítimas de violencia sexual.
A Xunta destinou o pasado ano case medio millón de euros ao mantemento de oito centros de información á muller, que atenden a 13 concellos, nas bisbarras de Pontevedra e Caldas e tamén ao desenvolvemento de 17 programas de equidade, conciliación e sensibilización e de loita e prevención contra a violencia de xénero.