A revisión da condena a Sito Miñanco por branqueo terá que agardar
Por Redacción
Catro anos de cárcere e seis millóns de euros de multa foi a sentenza que lle impuxo a Audiencia de Pontevedra ao narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, por branquear diñeiro procedente do tráfico de drogas. El recorreu esta sentenza.
A vista para revisar o fallo dos maxistrados pontevedreses tiña que celebrarse este martes, pero foi aprazada. Así o decidiu o Tribunal Supremo.
Fíxoo a pedimento do avogado de Sito Miñanco, que actualmente se atopa en prisión. Transcorrido un prazo de dez días, haberá unha nova data para celebrar a vista.
A sentenza recorrida, que se ditou en xaneiro de 2019, condena ao narcotraficante e a outras catro persoas, a súa primeira esposa, a súa filla maior, a súa ex cuñada e un empresario que actuaba como o seu home de palla na adquisición de propiedades inmobiliarias.
A xustiza considerou acreditado que "sen distincións entre eles", todos os acusados "participaron activamente" nun armazón deseñado para "lavar o diñeiro procedente do narcotráfico" a través dunha inmobiliaria de Cambados.
O tribunal sinalou que o coñecemento que tiñan os sospeitosos da procedencia delituosa do diñeiro deducíase "dunha forma ben fácil" do incremento patrimonial "notorio e desproporcionado" que os acusados "non puideron xustificar" cos seus ingresos legais.
A orixe do diñeiro co que adquiriron numerosas propiedades na provincia de Pontevedra, "só se explica" pola relación de todos eles coas actividades delituosas de Miñanco segundo a sentenza, que advertiu das "mañas" empregadas para "disimular" a súa actividade a través de compravendas, préstamos, hipotecas ou sociedades instrumentais.
Á marxe deste procedemento, Sito Miñanco ten aberta unha causa na Audiencia Nacional, onde está procesado por tentar introducir en España case catro toneladas de cocaína cando se atopaba en semiliberdade no marco dunha suposta rede criminal.
Relacionadas:
-
Sito Miñanco, procesado pola Audiencia Nacional por tentar introducir en España catro toneladas de cocaína
Por Redacción |
-
O Supremo reduce a última condena da Audiencia de Pontevedra a Sito Miñanco por branqueo de capitais
Por Natalia Puga |
-
Felipe de Luis: "O soño de Sito era que o Cambados xogara contra o Madrid. E chegou a crelo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Negan a liberdade a Sito Miñanco ao apreciar risco de fuga a pesar do estado de alarma
Por Redacción |
-
Sito Miñanco, condenado a catro anos de cárcere por branqueo de capitais do narcotráfico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |