A Consellería subvencionará sementeiras de bivalvos para paliar os efectos dos últimos temporais
Por Oskar Viéitez
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo este martes en rolda de prensa en Vilagarcía os distintos apoios aos que pode acceder na actualidade o sector marisqueiro galego para mellorar a produción das súas zonas de traballo e protexer os ecosistemas e que poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os temporais rexistrados nas últimas semanas.
Trátase de tres liñas de axudas que veñen de saír publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a comezos de mes e que contan cun orzamento global de preto de 2,3 millóns de euros para actuacións como as sementeiras de bivalvos co obxectivo de mellorar a produtividade dos areais.
A titular de Mar subliñou que estes apoios poden destinarse a proxectos que mitiguen o impacto das condicións meteorolóxicas adversas das últimas semanas -que provocaron certa mortalidade nos bancos e debilitaron o marisco como consecuencia do seu desprazamento das zonas nas que estaba asentado así como pola baixa salinidade da auga- e incidiu en que, unha vez se coñezan con exactitude os efectos destes episodios, podería incrementarse o crédito destas achegas ou habilitar apoios adicionais para o sector.
A representante do Executivo galego lembrou que o sector marisqueiro foi un dos que máis sufriron o impacto da crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus en 2020 -especialmente polo peche da hostalaría durante o estado de alarma- e lamentou que agora ás consecuencias da pandemia se suman os efectos negativos das inclemencias meteorolóxicas.
Entre as accións subvencionables nas distintas convocatorias atópanse a repoboación das zonas de traballo, a loita contra especies exóticas invasoras, a adquisición de semente ou a recollida activa de lixo mariño.
A Consellería do Mar impulsa tamén un proxecto para instalar minicriadeiros de semente de moluscos bivalvos en distintos puntos do litoral de Galicia cos que poder atender a demanda existente no sector.
A titular de Mar expuxo as liñas de apoio dispoñibles para o sector na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), na ría de Arousa, a zona de referencia en canto a marisqueo de Galicia.
Neste sentido, Rosa Quintana destacou que, con datos provisionais e pese ao impacto da crise da covid-19, a ría de Arousa rexistrou en 2020 máis da metade da actividade marisqueira da comunidade coa comercialización de preto de 3.500 toneladas de moluscos bivalvos e uns ingresos duns 38 millóns de euros.