Malestar veciñal polo amoreamento de materiais voluminosos en Lérez e Marcón
Por Redacción
"Isto é un contedor de bolsas de lixo. Non é un vertedoiro". Con esta frase comeza a nota que unha veciña de Lérez pegou no contedor de lixo que ten fronte á súa casa no Cimbelo. Esta reacción é froito do estado de desesperación que lle provoca atoparse con frecuencia coa vertedura de material voluminoso amoreado nas proximidades do contedor ocupando parte da vía.
Esta mesma semana, a veciñanza desta zona atopábase cun colchón, mobles, anacos de madeira e cubos de pintura con líquido que se derramou pola calzada na contorna do lugar no que se atopa este contedor utilizado polo núcleo de poboación da zona para deixar as súas bolsas de lixo.
Afirman que a situación se repite con frecuencia. Sospeitan que as persoas que realizan esta acción incívica se moven a altas horas da noite con algún tipo de furgoneta para desprenderse destes restos voluminosos sen ter en conta o dano que causan aos residentes nesta zona da parroquia de Lérez.
Non é o único caso que se produce durante os últimos días. Na baixada da parroquia de Marcón cara ao Nudo do Pino, á altura da parada de autobús, podíase observar estes días un monte de desperdicios de gran tamaño con restos de obra, colchóns e materiais abandonados de calquera xeito xunto a un contedor de recollida de plásticos. Noutros contedores da parroquia tamén se podía observar unha frigorífico vello.
Os veciños lamentan estas situacións cando existe un servizo de recollida gratuíto de materiais voluminosos a domicilio a cargo da empresa adxudicataria do tratamento dos lixos Ferrovial. O número de teléfono é o 986.850.225 e é suficiente con deixar no contestador o nome, dirección, teléfono e o tipo de elementos para os que se solicita a recollida e indicando o punto no que van deixar estes materiais, sempre que non sexan perigosos, antes das 23.00 horas para que se efectúe a recollida.
Ademais, os particulares tamén poden trasladar ata o Punto Limpo do Concello situado no Polígono de O Campiño estes materiais onde serán recolleitos de martes a sábado. O teléfono de contacto para solicitar información é o 986.876.048
O abandono destes elementos voluminosos nas vías públicas está considerado unha vertedura incontrolada e, por tanto, conleva unha sanción económica no caso de que se detecte ás persoas autoras destas actuacións. Neste sentido, as persoas afectadas reclaman maior vixilancia por parte das autoridades para evitar que se produzan estas escenas non rural.