As subvencións do Plan de Vivenda da Xunta melloran 77 inmobles en Pontevedra
Por Redacción
O investimento da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda axudou a completar na cidade de Pontevedra 77 actuacións relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética, a conservación e a accesibilidade. Así o puxo en valor este xoves o delegado territorial da Xunta, Luís López, quen destacou o investimento de 1,4 millóns de euros ao abeiro do Plan de Vivenda.
O representante autonómico fixo fincapé no forte compromiso da Xunta coa confortabilidade e o benestar dos cidadáns nos fogares. Neste sentido, desvelou que a consellería aprobou nos últimos tres anos máis de 500 axudas para estas obras na provincia. Concretamente, na capital foron concedidas 24 axudas para accións de eficiencia enerxética, principalmente en fachadas cun un importe próximo aos 640.000 euros, e outras 53 para proxectos de conservación ou mellora de instalacións.
O delegado revelou todas as posibilidades e investimentos xa realizados nunha visita realizada este xoves ao edificio da Comunidade de Propietarios José Millán 9 que se beneficiou destas subvencións para mellorar a eficiencia enerxética do inmoble. A Xunta financiou 134.000 euros dos 267.000 investidos.
Rematou a súa visita López destacando a enorme importancia do Plan de Vivenda, xa que "permite axudar a moitos cidadáns e comunidades a facer investimentos importantes, que nalgúns casos non poderían facer en solitario, e deste xeito mellorar as condicións, o confort e a calidez dun espazo tan fundamental para cada un como é o seu fogar".