Rebón estrea unha nova praza pública e 2,5 quilómetros de camiños renovados
Por Redacción
Ata 175.000 euros investíronse na parroquia de Rebón para que este lugar de Moraña conte, entre outras cousas, cunha nova praza pública ao carón da igrexa e con preto de 2,5 quilómetros de camiños completamente renovados.
Esta intervención realizouse no marco do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
As obras realizadas melloraron a rede de camiños garantindo, onde foi posible, unha anchura suficiente para o cruzamento de dous vehículos ou o paso de vehículos de emerxencias.
En concreto actualizáronse os accesos aos núcleo de O Calvo, San Pedro de Rebón e Rebón de Arriba. En todos os casos os anchos medios existentes oscilaban entre os 3,6 metros e os 4 metros e agora incorporáronse áreas dispoñibles en varios puntos.
Ademais, estes traballos permitiron a pavimentación con lousa de granito do adro da igrexa románica de San Pedro de Rebón, que data do século XII, creando unha praza pública.
Na súa visita a Rebón, o deputado provincial Santos Héctor destacou a "obsesión" do goberno provincial por "facer todo o posible" para contribuír a consolidar poboación no rural e que "non se desertice", algo no que axudan intervencións como esta.
O alcalde de Moraña, José Cela, coincidiu en que o investimento realizado nesta parroquia "fai posible que a xente se anime a permanecer nos núcleos e non marchar", polo que reivindicou que "se aposte polas aldeas" para que os concellos do interior poidan ofrecer boa calidade de vida.
Neste 2021, o Plan Concellos dedica a Moraña 480.160 euros, que farán posible a execución de cinco obras decididas polo Concello: a mellora da rúa Santa Lucía, o acondicionamento da contorna das pistas deportivas, a pavimentación de camiños e núcleos rurais en Lamas e Fontenla e o mantemento de camiños na parroquia de Saiáns.
Relacionadas:
-
A Xunta mellorará as beirarrúas da Rúa 3 de Moraña
Por Redacción |
-
Moraña comeza un plan de obras no rural coa renovación do firme da aldea de Fontenla
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Moraña acusa á Deputación de levar cinco anos "mareando" coa estrada Mane-Rebón
Por Oskar Viéitez |
-
"Sorpresa" na Deputación ante as críticas da alcaldesa de Moraña pola estrada Mane-Rebón
Por Redacción |
-
Moraña pide á Deputación retomar a reforma da estrada entre Mané e Rebón
Por Redacción |