O concurso virtual de choqueiros e viúvas repartirá premios para gastar no comercio de Poio
Por Redacción
Manter viva a tradición dunha das citas máis emblemáticas do Entroido de Poio e dar un pulo a algúns dos sectores máis afectados pola crise provocada pola Covid-19 son algúns dos obxectivos do Concurso Virtual de Choqueiros e Viúvas, organizado pola Asociación Cultural Ronsel e en cuxa posta a punto colabora o Concello de Poio.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, acompañada por Elena Barral, representante da agrupación, deron a coñecer este xoves os detalles deste novidoso certame, que se desenvolverá a través das redes sociais, desde o 22 ata o 27 de febreiro.
"O Galo Fodorico seguirá sendo protagonista do noso Entroido, aínda que sexa de forma distinta á máis tradicional", explicou Rodríguez Alonso, que fixo un chamamento á cidadanía para tomar parte no concurso virtual, a través do cal os e as participantes poderán optar a diferentes premios en metálico, para gastar no tecido empresarial local.
Nas tres categorías (infantil, individual e familiar) haberá premios para os tres mellores disfraces e deseños, de 50, 30 e 20 euros. No caso do concurso infantil, os gañadores poderán facer uso dos premios para comprar material nas librarías do municipio de Poio. Polo que respecta á categoría individual, estas contías están pensadas para ser gastadas en establecementos da hostalería. Por último, os tres premios familiares serán para utilizar no comercio local.
"Ademais de continuar promovendo o espírito do Entroido, poñendo en valor a figura do choqueiro e do noso Galo Fodorico, tamén ofrecemos á veciñanza a posibilidade de que se impliquen para dar un pulo á dinamización dos nosos negocios, comercios e establecementos hostaleiros", incidiu a responsable municipal de Cultura.
Para tomar parte no concurso, é preciso, ademais de subir as fotos (con carácter público) ás redes sociais, utilizar o hashtag #Fodorico2021, tal e como sinalou Elena Barral, que animou aos veciños a "encher as redes de fotos de choqueiros e choqueiras". Os gañadores daranse a coñecer o día 28. Ademais, nos perfís do Concello e da propia Asociación Ronsel se publicará a tradicional esquela sobre o pasamento do emblemático Galo Fodorico Agusto Bastante.
Relacionadas:
-
Nenuco pandemia: un simpático bebé e unha caixa de cartón gañan o primeiro premio do concurso de disfraces de Meis
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
A veciñanza de Poio leva o Entroido ás redes sociais
Por Redacción |
-
O Entroido que non se vive na rúa tomou forza nos colexios
Por Redacción |
-
O Galo Fodorico non faltará ao Entroido virtual de Poio
Por Redacción |
-
Poio prepárase para un entroido interactivo e desde casa
Por Redacción |