Unha comisión técnica analizará o futuro da antiga Comandancia de Mariña de Vilagarcía
Por Redacción
Técnicos do Concello de Vilagarcía e da Autoridade Portuaria serán os encargados de revisar o estado das actuacións urbanísticas pendentes entre ambas as dúas administracións. Sobre a mesa, entre outros, o futuro da antiga Comandancia de Mariña de Vilagarcía.
Así o acordaron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o presidente do Porto de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, nunha xuntanza celebrada este xoves.
O rexedor reiterou o desexo do goberno municipal de que a antiga comandancia, construída no seu día porque a cidade consentiu en facer un recheo con tal fin, reverta ao Concello unha vez que o inmoble perdeu a súa función. Queren convertelo nun novo centro de saúde.
Esta actuación sería posible, segundo Varela, "se hai vontade de chegar a acordos", do mesmo xeito que coa pretendida construción dun hotel na parcela portuaria do Ramal.
O alcalde avanzou que o Concello estaría disposto a estudar unha solución para desbloquear a construción deste hotel se se arbitra unha solución para a vella comandancia e sempre que ese establecemento "non supoña unha nova barreira ao mar".
A liberación do peirao do Ramal e a modificación puntual do PXOM para dar cabida aos recheos feitos nos últimos anos tamén forma parte da axenda que dende o martes abordará esta comisión mixta entre o Concello e o Porto.
Ambas partes entenden que en todos estes temas hai marxe de negociación e solucións técnicas e confían que nun prazo de dous meses poidan estar aclarados.
Relacionadas:
-
Vilagarcía aproba o proxecto de demolición da Comandancia co obxecto de adiantar a licitación da obra
Por Redacción |
-
Dúas naves serán derrubadas para reconstruír a fachada marítima de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O Concello de Vilagarcía e o Porto selan un acordo histórico para liberalizar a fachada marítima
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade avaliará as posibilidades da antiga comandancia de Vilagarcía como centro de saúde
Por Redacción |
-
Concello de Vilagarcía e Autoridade Portuaria buscarán a mellor fórmula que permita o uso público do ramal
Por Redacción |