O prego de limpeza de edificios municipais será aprobado no vindeiro pleno cun orzamento de 885.502 euros
Por Redacción
Na última semana de febreiro celebrarase o pleno da corporación de Marín, despois de que as sesións plenarias interrompésense durante 15 días polas restricións sanitarias. Nesta convocatoria, o goberno local presentará o novo prego elaborado para a contratación do servizo de limpeza de edificios municipais.
Na actualidade o contrato para realizar este servizo xa venceu e agora a concelleira de Medio Ambiente Marián Sanmartín ten previsto que se adxudique por catro anos, coa posibilidade dun prórroga por un ano máis, segundo explicaba na Comisión Informativa deste xoves, na que presentaba o documento.
Unha vez que o pleno municipal valide o documento comezará o proceso de licitación para adxudicar o servizo. Pásase de 400.000 a 885.502 euros na contía económica do prego respecto ao anterior contrato deste servizo.
O motivo da subida orzamentaria é a actualización das necesidades do servizo e a incorporación de novos espazos municipais como A Galiña Azul de Seixo, máis instalacións deportivas, as melloras da Biblioteca, novos comedores escolares ou o local do Parque Azul de Cantodarea.
Tamén se inclúen no prego de contratación os gastos de limpeza que se incrementan coas novas medidas de seguridade sanitaria provocadas pola pandemia, principalmente en relación cos centros educativos. O Concello, segundo a concelleira, investiu máis de 100.000 euros para estas actuacións xa que os centros pasaron dunha limpeza diaria a tres por xornada.
O novo prego tamén contempla a actualización do convenio laboral do persoal da empresa, que pasa a subrogarse coa nova adxudicación.
LIMPEZA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL
Dentro deste apartado de limpeza, durante estes días levouse a cabo unha intensa desinfección das instalacións da Biblioteca Vidal Pazos e do Museo Torres para que garantir a seguridade sanitaria na súa reapertura.
A concelleira Beatriz Rodríguez, responsable de Cultura, sinalaba que se habilitou o préstamo de libros de forma normal e a aula de estudo, sempre sen superar a capacidade máxima establecida nun 30%.
Por outra banda o Museo Torres acollerá ata o 31 de marzo a exposición dos traxes máis emblemáticos das comparsas Os da Caña e Paparrulos de Marín. Nesta mostra poden apreciarse letras e imaxes doutras comparsas que forman parte da historia do Entroido de Marín. Permanecerá aberta ata o 31 de marzo e tampouco se poderá superar o 30% de capacidade do espazo da sala.