A chegada do Perseverance a Marte, todo un éxito con 'selo pontevedrés'
Por Alejandro Espiño
A NASA completou con éxito unha nova misión en Marte. Sobre as dez da noite hora española o 'rover' Perseverance, un vehículo especialmente deseñado para a ocasión, aterrou sobre o planeta vermello. E en Pontevedra estivemos especialmente pendentes.
Non é para menos. O enxeñeiro Fernando Abilleira, natural de Pontevedra, é un dos responsables desta misión, que ten como obxectivo buscar rastros de vida en Marte.
Na súa última visita á cidade, en agosto de 2019, xa avanzara a súa participación nesta nova campaña da NASA, na que levaba traballando desde finais de 2012, poucos meses despois da aterraxe do Curiosity no planeta vermello.
Para Abilleira, subdirector de voo da axencia espacial estadounidense, foi a terceira aterraxe en Marte que supervisa. Neste caso, recoñece que esta misión "ten o potencial de reescribir os libros de historia".
Esta aterraxe en Marte, segundo o enxeñeiro pontevedrés, "é o máis complexo" dos que tentou a NASA, ao ser nunha zona "chea de rocas, dunas, pendentes e cantís". O Perseverance chegou tras unha travesía de 203 días e 472 millóns de quilómetros.
O destino do robot que xa se atopa neste planeta é un cráter que ten unha antigüidade duns 3.500 millóns de anos. Neste lugar, denominado Jezero, desembocaba un rio hai millóns de anos que deixou certos sedimentos nunha formación delta.
Alí, segundo os investigadores da NASA, "poden preservarse trazas de vida microbiana pasada", o que supoñería unha auténtica revolución científica xa que "podería achegarnos a responder á pregunta de se existe vida máis aló da Terra".
O Perseverance vai equipado co instrumental "máis sofisticado e potente" do que xamais se levou a Marte. Pero o que, segundo os seus responsables, o fai único é que as mostras que obteña durante os dous próximos anos serán almacenadas nuns tubos de ensaio sobre a superficie do planeta.
Unha próxima misión espacial, avanzaron desde a NASA, terá como obxectivo regresar a Marte, recoller estas mostras e traelas de volta á Terra para a súa análise.
O 'rover' leva ademais un dron que tentará voar na atmosfera marciana, máis densa que a terrestre. De conseguilo, sería o primeiro voo a motor controlado noutro planeta. Sería un novo fito, xa que permitiría explorar zonas inaccesibles como covas ou cantís.
A retransmisión desta aterraxe en Marte púidose seguir a través das canles oficiais da NASA e, por primeira vez, con comentarios integramente en español desde o propio centro de control da misión.
Relacionadas:
-
De Sanxenxo ao planeta vermello, guiados por Fernando Abilleira
Por Redacción |
-
Pontevedra recibe a moeda conmemorativa da recente 'Misión a Marte'
Por Redacción |
-
Longas colas para asistir á conferencia do enxeñeiro da NASA, Fernando Abilleira
Por Mónica Patxot |
-
Fernando Abilleira, o 'pontevedrés' na NASA: A misión espacial ten un "futuro brillante"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Nasa, aquí Sanxenxo, me escoitas?
Por Redacción |
-
Marte e Pontevedra, máis preto que nunca grazas o enxeñeiro da NASA Fernando Abilleira
Por Redacción |