Falece un home de 54 anos no Hospital Montecelo por covid-19
Por Redacción
A cifra de persoas falecidas por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 143, despois de que este venres a Consellería de Sanidade notificase o falecemento dun home durante o xoves 18 con tan só 54 anos no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Segundo informan desde o Servizo Galego de Saúde, este home contaba con outras enfermidades previas antes de contaxiarse de coronavirus.
Dase a circunstancia de que hai menos de dúas semanas tamén morría infectado de coronavirus un fillo deste home. O fillo tiña 31 anos. Ambos residían no poboado do Vao, en Poio. O cribado realizado polo Sergas no Vao entre o 18 e o 21 de xaneiro revelara que máis do 20 % dos participantes estaban infectados.
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 10.479 pacientes e o último falecemento notificado polas autoridades sanitarias na área sanitaria produciuse o luns 15 ao perder a vida unha muller de 68 anos no Hospital Montecelo.
10 MORTES EN GALICIA
A Consellería de Sanidade notificaba nove mortes máis por coronavirus este venres.
Informábase dos decesos rexistrados nas últimas 24 horas de dúas mulleres, de 78 e 84 anos, no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS), dun home de 83 no Complexo Hospitalario de Ferrol (CHUF) e dunha muller de 93 anos na residencia integrada CEGADI, procedente da residencia San José de Arzúa.
Segundo os datos de Sanidade facilitados este venres, producíanse seis mortes na xornada do xoves pola enfermidade, ademais do home de 54 anos en Pontevedra, tamén falecía un home de 53 no CHUS, centro no que tamén perdían a vida dúas mulleres, de 74 e 80 anos; unha muller de 89 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e unha muller de 86 no CHUF, procedente da residencia O Casón de Moeche.
Todas as vítimas notificadas durante esta xornada contaban con expedientes médicos nos que constaban outras enfermidades. En total, Galicia suma 2.164 falecementos como consecuencia desta enfermidade, segundo os rexistros que ten o Servizo Galego de Saúde desde o inicio da pandemia.
Relacionadas:
-
Unha muller e un home, de 87 e 86 anos, novas vítimas por covid-19 en Montecelo
Por Redacción |
-
Pontevedra continúa no nivel de alerta extrema pola incidencia da covid-19
Por Redacción |
-
Aumenta a presión asistencial na área sanitaria con 94 pacientes covid nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Unha muller de 68 años falecida en Montecelo, vítima 142 pola covid-19 na área sanitaria
Por Redacción |