A Avenida Francisco Regalado pasará a chamarse Paseo das Redeiras
Por Redacción
A concellería de Memoria Histórica do Concello de Poio está a piques de culminar o proceso para acometer o cambio de denominación da avenida Francisco Regalado, en Combarro.
A responsable deste departamento, a nacionalista Marga Caldas, comentou que a proposta que imos presentar no vindeiro pleno ordinario que terá lugar o día 23 de febreiro "ten en conta as achegas realizadas polo tecido asociativo de Combarro", ao que a edil agradece "a súa implicación neste proceso".
Deste xeito, e como xa se adiantara hai uns meses, a avenida pasará a contar con dúas nomenclaturas.
A primeira delas abarca o tramo desde a PO-308 ata a Praza da Chousa e chamarase Rúa Baixada á Chousa. Esta denominación busca "recuperar a microtoponimia tradicional, un proceso que no seu día foi moi habitual, pero que se foi perdendo de xeito paulatino co desenvolvemento urbanístico", explica a concelleira de Memoria Histórica.
Pola súa banda, o tramo comprendido entre a propia Praza da Chousa e a subida cara a PO-308, a carón da praia da Canteira, pasará a ser bautizado como Paseo das Redeiras.
"Como é sabido, esta profesión, desenvolta nun 84% por mulleres en toda Galicia, está a experimentar un envellecemento importante, por mor da falta de remuda xeracional. Este feito, sumado a que foron pioneiras no noso país na incorporación da muller ao mercado laboral, fai que apostemos por esta proposta, para darlle visibilidade a un traballo que, en moitos casos, resulta descoñecido e mesmo pouco valorado por parte da sociedade", argumenta Marga Caldas.
Unha vez se consiga a aprobación inicial no pleno, comezará a tramitación administrativa pertinente.
Co cambio de nome de Francisco Regalado, o Concello impulsa o proceso de muda de denominación de rúas e espazos públicos que contan con nomes vencellados ao réxime franquista.
"Apostamos por esta actuación por unha cuestión de hixiene democrática, cunha tramitación a través das competencias municipais que garante unha maior axilización", defende Caldas Moreira, que entende que este proceso debe aproveitarse tamén para fomentar o emprego da toponimia tradicional galega e impulsar a feminización do rueiro e dos espazos públicos municipais, que na súa inmensa maioría corresponden a referencias masculinas.
Precisamente, cuestións deste tipo xa se recollen na nova ordenanza para o impulso da lingua galega no Concello de Poio, aprobada no pleno de novembro de 2020, que serve para actualizar o regulamento anterior, que data de 1993.
Relacionadas:
-
A avenida Francisco Regalado xa se chama Baixada á Chousa e Paseo das Redeiras
Por Redacción |
-
Poio colocará o 29 de maio a placa coa nova denominación da rúa Francisco Regalado
Por Redacción |
-
O almirante Francisco Regalado desaparecerá do rueiro de Combarro en aplicación da Lei de Memoria Histórica
Por Redacción |