Once persoas denunciadas en Pontevedra por participar nunha clase de pilates
Por Alejandro Espiño
Debido ás restricións impostas polas autoridades sanitarias en Galicia pola incidencia da covid-19, ata o momento ximnasios e centros deportivos están pechados. A actividade deportiva limítase ao exterior, con máscara e coa única compañía de conviventes.
A pesar diso, a Policía Local sorprendeu once persoas que, o pasado luns 15 de febreiro, estaban a participar de maneira colectiva nunha clase de pilates baixo teito.
Todas elas foron denunciadas por reunirse sen ser conviventes e o propietario do centro que organizara a clase por exercer unha actividade non autorizada.
Ademais, tres dos participantes nesta clase traspasaran o peche perimetral de Pontevedra e outro foi denunciado tamén por non gardar as distancias de seguridade.
Esta foi a principal actuación da Policía Local durante esta última semana, na que os axentes impuxeron 61 denuncias por infrinxir as restricións. Un total de 53 foron de luns a xoves e tan só oito entre o venres e o domingo.
Para controlar a mobilidade perimetral, este corpo policial organizou ata 23 puntos de verificación de vehículos, doce deles durante esta última fin de semana.
UN DETIDO POR RUÍDO
A Policía Local, por outra banda, detivo na madrugada deste sábado a un home na rúa Manuel do Palacio que, sobre as 4:45 horas, foi denunciado polos seus veciños por ter a música a un volume extraordinariamente alto.
Tras atoparse con problemas para identificar os moradores da vivenda, o detido chegou a agredir un dos axentes, polo que será posto a disposición xudicial.