Adaptación do PXOM de Meaño para dar cobertura a talleres, uso acuícola e servizos funerarios
Por Redacción
A clasificación de usos do solo en Meaño era moi restritiva no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e o goberno local decidía modificar este documento para incluír un uso mixto industrial-terciario que permita ofrecer cobertura xurídica a actividades como as que se realizan nos talleres, o uso acuícola e os servizos funerarios.
A modificiación puntual céntrase tamén na área industrial da Pedreira, coa inclusión dunha nova cartografía na que conste con claridade o sistema actual de vías na zona.
O documento era aprobado de maneira provisional-definitiva no pleno do venres 19 e agora será enviada, acompañada do expediente dilixenciado, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para que poida aprobarse de maneira definitiva.
O documento estivera en exposición pública entre xaneiro e marzo de 2020. Presentáronse seis alegacións e incorporáronse catro delas, segundo indican desde o goberno local.
Sinalan que esta modificación puntual permite adaptar o PXOM, redactado en 1999, á Lei do Solo de Galicia do ano 2016. A intención do equipo de goberno de Carlos Viéitez é ofrecer seguridade xurídica á veciñanza e establecer esta ferramenta para dar prioridade ao desenvolvemento socioeconómico do municipio.