A pioneira casa niño da Lama recibe a visita do delegado territorial da Xunta
Por Redacción
A casa niño do concello da Lama, a primeira que entrou en funcionamento na provincia de Pontevedra, recibía este luns a visita do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, na compaña da xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, e do alcalde da Lama, Jorge Canda.
A instalación, que está dirixida por María Canda Falcón, atende na actualidade cinco nenos cun horario de 7.30 a 15.30 horas e recibiu da Xunta, nos seus primeiros catro anos de existencia, unhas axudas de 95.300 euros para obras, equipamentos, materiais didácticos e de xogo e gastos de funcionamento.
O delegado territorial destacaba o seu bo funcionamento dende a súa apertura a comezos de 2017, "xa que traballa de xeito cercano e cun servizo de gran calidade e sen masificación para os cativos de ata 3 anos deste concello".
Luis López explicaba que o formato de casas niño "é unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender aos cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais".
O delegado territorial adiantaba que a nova convocatoria das casas niño abrirase proximamente. Os aspirantes recibirán unha achega inicial de 15.000 euros para obras de adecuación do inmoble e, posteriormente, un pago de 19.600 euros anuais polo funcionamento, xa que o servizo é completamente gratuíto para as familias.
A provincia de Pontevedra conta con cinco casas niño. Á da Lama súmanse a de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén I, Pazos de Borbén II e Dozón. No conxunto de Galicia hai en funcionamento 78 casas niño.