O BNG denuncia "diminución da calidade" e "deterioración" no servizo das escolas infantís de Sanxenxo
Por Redacción
O prego de condicións para a adxudicación da xestión das dúas escolas infantís municipais de Sanxenxo, O Tombo e O Revel, que o Concello fixo público nos últimos días, atópase cunha forte oposición por parte do BNG. Os nacionalistas ven unha "deterioración" xeneralizada nos servizos sociais desde a chegada á Alcaldía o Partido Popular de Telmo Martín e cren que as escolas infantís son o último exemplo.
Así, indican que hai un encarecemento do servizo, pois saíu a licitación por 466.851 euros máis, e "lonxe de supoñer melloras" para as familias, implica "todo o contrario, unha diminución na calidade".
Entre outras cuestiones, o BNG critica a inclusión no cadro de persoal das dúas traballadoras que no último concurso se incluíran como mellora. “Imos pagar por algo que ata agora tiñamos gratis, increméntase substancialmente o custo pero iso non supón ningunha mellora en persoal con respecto ao prego anterior”, sinala a voceira do BNG, Sandra Fernández Agraso, responsable de servizos sociais no anterior goberno de Sanxenxo.
A nacionalista tamén critica que se contemple a posibilidade de peche dos dous centros infantís durante un mes, dividido en tres períodos ao longo do ano. Fernández Agraso pregúntase se o alcalde, Telmo Martín, terá consultado cos representantes das traballadoras a legalidade de impedirlles elixir o seu período de descanso vacacional, pero, en todo caso, considera moi relevante que non se teña en conta que os peches dos centros infantís previstos coinciden cos períodos nos que moitas familias de Sanxenxo teñen acceso ao mercado laboral a través do sector turístico.
Así, critica que Nadal, Semana Santa e os dez primeiros días do mes de setembro son as datas recollidas no prego de condicións como ideais para o peche.
"Un custo máis elevado, co mesmo persoal e con peches intermitentes coincidindo coa temporada alta". Este é o resumo que fai o BNG deste servizo, que sae a licitación por 2.346.694 euros.