A Deputación únese á Rede Transfronteiriza dos Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular
Por Redacción
A Rede Transfronteiriza dos Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular constituíase este luns 22 de febreiro a través dunha xuntanza telemática na que participou a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias en representación do organismo provincial.
Deste xeito, a Deputación de Pontevedra súmase a doce entidades galegas, españolas e portuguesas que traballarán conxuntamente para a posta en valor dos chamados Camiños do Oeste Peninsular con maior tradición xacobea.
A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra, xunto ás de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Ourense, Sevilla e Zamora, á Xunta de Estremadura e ás entidades portuguesas de Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos, traballarán na valorización do patrimonio cultural e natural desenvolvendo infraestruturas e servizos nos Camiños a Santiago do Oeste Peninsular.
A Rede Transfronteiriza dos Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros cofinanciados nun 75% polo FEDER a través do POCTEP 2014-2020. O seu principal obxectivo é establecer unha estratexia para desenvolver infraestruturas e servizos nos camiños cara a Santiago que transcorren polo oeste da Península, como son a Vía da Prata, o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa ou o Camiño Portugués.
Dentro deste proxecto de cooperación, a Deputación de Pontevedra vai desenvolver unha exposición itinerante denominada "Camiños do Sur". A mostra percorrerá Tui, Baiona, Pontevedra e Caldas, así como outras localidades galegas e españolas, acompañada de conferencias ou debates e dunha acción lúdica, a modo de xogo de pistas, dirixida á poboación infantil.