O PP presume de que veciños de Cabanas agradécenlles unha obra do Concello
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros do grupo municipal de Partido Popular, Jacobo Moreira, Pablo Fernández e César Abal, visitaron este xoves o lugar de Cabanas para comprobar o estado dos traballos e varios veciños trasladáronlles o seu agradecemento pola execución dos mesmos "tras unha denuncia dos populares", aseguran dende o PP nun comunicado.
O grupo municipal do PP considera necesario que o Concello afronte o arranxo completo da estrada de Cabanas, incluído o tramo que sube ata o colexio e non só o espazo recentemente asfaltado, xa que entenden que "unha vía con tanto tráfico, no só cara a escola, necesita un novo asfaltado e non parches para as fochas, actuación á que parece querer limitarse o Concello".
O pasado agosto varios concelleiros denunciaron a existencia de gran multitude de fochancas na estrada, "que levaba sen asfaltar 14 anos", feito que provocou que xa se produciran moitos rebentóns de rodas nos vehículos, e pediu unha acción urxente para antes do inicio do curso escolar.
Tras a nova visita deste xoves, os populares reclaman tamén que o Concello retire os restos de grava e asfalto que os operarios que executaron a obra deixaron na beiravía e que pinte os sinais horizontais no tramo arranxado.
Os veciños trasladaron tamén a Moreira e aos seus compañeiros outras queixas sobre o estado do lugar, como que se arranxe e acondicione o lavadoiro e a fonte de Cabanas, que se coloquen os colectores de lixo no seu lugar orixinal e que se dote ás vivendas do servizo de abastecemento de auga aproveitando a recente reforma acometida na estrada nacional.