A Policía Autonómica e Os Palleiros descobren e rescatan outro can en Bora, atado e malnutrido
A raíz da nova do rescate dunha cadela en Bora por parte da Policía Autonómica e a protectora de animais Os Palleiros, recibiron outra denuncia de xeito anónimo, alegando que os mesmos donos tiñan a un cuarto can na parte traseira da casa, en condicións moito peores que a dos outros tres cans. A Policía Autonómica foi á propiedade para comprobalo na tarde do venres 19.
Aínda que nun principio se pensaba que se trataba de tres cans, dous dos cales o dono negábase a entregar argumentando que eran seus, atopouse un cuarto can co que a protectora non contaba. A información recibiuna a propia asociación a través dunha denuncia anónima, na que a persoa aseguraba que os donos tiñan outro can detrás da casa e en peores condicións que os outros tres.
A entidade alertou a Policía Autonómica, quen polo momento están ao cargo do caso. Os axentes presentáronse na casa pola tarde do venres 19 de febreiro e constatou que, efectivamente, había outro can na parte traseira da casa. O dono accedeu a entregalo, xa que o animal non tiña micro chip, e isto posibilitou asinar a renuncia dun xeito máis sinxelo que cos outros dous, que aínda están baixo a súa custodia.
O can atopábase en pésimas condicións, ademais de que notaron a presenza de moitas pulgas e carrachos. Tamén estaba moi delgado, debido a que estaba a levar unha alimentación moi pobre e insuficiente, segundo afirmou Gloria Cubas, a portavoz da protectora. Mesmo se decataron de que non tiña forza nas patas traseiras, e que non podía manterse en pé; aínda que se dubida se pode deberse a súa elevada idade ou se é por falta de masa muscular ao non ter espazo para moverse. Polo momento haberá que agardar a unha revisión por parte da veterinaria para que constate a que se debe o seu estado de saúde, declarou a reresentante da asociación de animais.
Os outros dous cans continúan co dono, alegando este que lle pertencen e asegurando que os manterá en mellores condicións. Declarou tamén que vai pechar a leira para que os cans poidan empregar ese espazo para moverse, xa que cando se atoparon estaban atados cunha cadea de medio metro e vivindo entre os seus propios excrementos. A policía autonómica está pendente da situación e revisa o estado dos cans cada dous días.
Relacionadas:
-
Rescatan un can dun pozo empregando un cable e un todoterreo
Por Almu Dapena |
-
35.000 euros anuais para a xestión do refuxio de animais de Campañó
Por Redacción |
-
A Policía Autonómica decomisa 75 quilos de ameixa nunha operación contra o furtivismo en Poio
Por Redacción |
-
Rescatan unha cadela en Bora: "A pena é que quedaron dous máis"
Por María José Pita |